O 1 de abril ábrese o prazo de inscrición para as novas sesións de Aventuras no Aquarium
A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, anuncia que o vindeiro martes, 1 de abril, ábrese o prazo de inscrición para participar nas novas sesións de Aventuras no Aquarium.
O Aquarium Finisterrae propón un programa especial de actividades de fin de semana chamado Aventuras no Aquarium, que inclúe experiencias como unha visita á zona técnica ou participar na alimentación das focas:
– Viaxe ao centro do Aquarium, unha visita guiada pola zona técnica, que inclúe instalacións como o laboratorio, a cociña, as salas de filtración ou as salas de corentena. Dirixida a persoas maiores de 14 anos, celebrarase sábados e domingos ás 12.00 horas.
– Aventura coas focas celebrarase os sábados e domingos ás 11.00 horas a partir do 5 de abril. A actividade está dirixida a nenos maiores de 7 anos, que deben asistir acompañados dun dos seus pais.
Para participar hai que inscribirse previamente chamando ao teléfono 981 189 842, a partir do 1 de abril, e abonar só o prezo de entrada ao Aquarium (excepto titulares de Cartón 20 e membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias), xa que é unha actividade sen custo adicional.











