Novo derbi lucense para buscar o pase á gran final da Copa Xunta
Azkar Lugo e Burela Pescados Rubén vólvense a enfrontar no 40×20 e mañá mércores (20:30 horas – Pavillón Vista Alegre) farano nunha nova competición oficial, o que será unha das semifinais da Copa Xunta de Galicia, eliminatoria a partido único e que permitirá ao vencedor da mesma disputar a gran final.
Actualmente a escadra transportista ostenta o título autonómico tras vencer na final da última edición da pasada campaña ao Santiago Futsal, equipo o compostelano que nesta edición tamén se atopa na rolda de semifinais e en próximas datas enfrontarase ao Cidade de Narón de 2ª B.
Esta tempada mariñanos e capitalinos enfrontáronse oficialmente en dúas ocasións en liga, partidos que se resolveron cun empate en Lugo (3-3) e con vitoria para os laranxas en Burela (4-1). Para chegar a esta ronda, anteriormente nos cuartos de final o Burela eliminou ao O Parrulo Ferrol (1-3) e o Azkar Lugo desfíxose do O Esteo (2-5).
Por parte do Azkar Lugo, o seu adestrador Diego Ríos está pendente de valorar a situación de varios xogadores que arrastran molestias para así poder confirmar a convocatoria de cara ao partido de mañá.











