Nove compañías amosan o seu traballo dentro do Ciclo de Teatro Comunitario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Concellería de Centros Socioculturais colabora un ano máis coa Comisión cultural da Facultade de CC da Educación no desenvolvemento do Ciclo de Teatro Comunitario, que presentou o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, en rolda de prensa. Impulsados por unha banda a continuar a desenvolver accións de dinamización e apoio ao teatro amador do que moitos centros e locais socioculturais teñen sido e son xérmolos de iniciativas e por outra a manter fluidas e vivas as canles de novas colaboracións coa Universidade, a Concellería sumouse ao proxecto da USC que este ano visibilízase como Certame de creación escénica. Trátase de promover a apertura a un teatro anovador e de creación no que as agrupacións poidan establecer contacto con novos modos de facer e afrontar o reto creativo e expresivo.

A VII edición deste evento desenvolverá a súa fase de mostra en varios espazos do Centro Sociocultural de Santa Marta os próximos dias 2,3 e 4 de abril amosando o traballo de nove compañías de teatro amador que participan do Proxecto AD HOC e que arredor do eixo temático “A convivencia entre linguas” tratarán libremente- en pezas teatrais de non mais de 12/15 minutos -de amosar e visibilizar o tema aos espectadores.

A Concellería de Centros Socioculturais destaca a oportunidade de localizar no novo centro sociocultural de StaMarta esta programación dada a súa especialización dentro da rede para os contidos artísticos e escénicos e co obxectivo de manter unha liña de traballo continuado en torno ao traballo afeccionado.

As nove compañías que poderán verse son as concurrentes ao I Certame de creación escénica AD HOC convocado no mes de outubro de 2013 pola USC: Carauta, Enlata, Teatro do Peto, Tolemia, Tuideas, Feito a propósito, Iliria, Farrapo e O Aturuxo de Melpómene.

O programa da Mostra do PROXECTO AD HOC prevé que cada día haxa tres montaxes simultáneas en distintas salas e espazos do centro, con ata catro pases de cada peza para que o público (non máis de 15 espectadores por pase) poida achegarse ao traballo dos grupos.

Os espazos elixidos do centro sociocultural para acoller estas microrepresentacións son diversos, desde salas de usos múltiples, ata espazos axardinados, a terraza do centro e mesmo a propia Sala Agustín Magán, apostando en definitiva pola versatilidade e a mobilidade.

Ao remate das presentacións das tres montaxes de cada día, os compoñentes das compañías terán un encontro co público (45 minutos) no que se establecerá un dialogo artístas/espectadores. Todas as obras a concurso serán valoradas polo público ao final da presentación polo sistema de voto en urna.

As tres compañias máis votadas polos espectadores ofreceránselles unha serie de talleres de formación técnica (A Luz/ O Espazo/ A Composición para a escena) impartidos pola Plataforma de Apoio do Certame e desenvolveranse tamén no propio centro sociocultural de Santa Marta no último semestre de 2014.

Os interesados en asistir como público á Mostra de Creación escénica poderán recoller gratuitamente a súa entrada-invitación a partir do xoves 27 de marzo, tanto nos centros socioculturais de Santa Marta Fontiñas e Vite como na secretaría das dúas sedes da Facultade de Ciencias da Educación. Dado que o aforo para os pases é limitado, non se poderá acceder ás salas sen presentación da entrada-invitación.

A Concellería de Centros Socioculturais apoia o proxecto deste ano non soamente coa cesión de espazos para a celebración da mostra e para a formación das tres compañías máis votadas senon tamén co apoio na organización e divulgación deste novo Certame universitario, que leva preparándose xa desde o pasado curso 2013 con sucesivas xuntanzas de traballo.

A organización do Ciclo e do Certame de creación escénica é traballo da Comisión Cultural da Facultade de Ciencias da Educación e de Enlata Teatro, grupo de Teatro da Facultade de CC da educación da USC.

25 de marzo de 2014 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.