Novas xornadas para a implantación do sistema de calidade turística en destino
O Concello de Ferrol organiza unha nova xornada de formación sobre o programa Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) para entidades, empresas e emprendedores do municipio relacionados co sector: axencias e operadores de viaxe, empresas de transporte de viaxeiros, hostaleiros, comercios, hoteis. etc. Dita xornada desenvolverase os vindeiros días 25 e 26 de marzo nas dependencias do Hotel Carrís – Almirante, en horarios de mañá e de tarde.
A Concellería de Turismo, que dirixe María del Carmen García Fraga, prevé que a estas sesións aseitan ao redor de 40 empresas, institucións e emprendedores, entre aqueles que xa dispoñen do distintivo de calidade turística que concede TURESPAÑA -28- e os participantes que se adhiren novos a este programa -12-. O Concello de Ferrol participa dende o ano 2012 neste programa impulsado por TURESPAÑA e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEGAMP) co obxectivo de mellorar a calidade dos servizos turísticos.
O pasado día 25 de febreiro, o alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, facía entrega na Casa Consistorial dos recoñecementos de Calidade Turística ás novas empresas e institucións que o conseguiron ao longo do exercicio pasado. Neste acto, o rexedor municipal facía fincapé na fonte de riqueza e desenvolvemento que supón o turismo para a cidade; e recalcaba que o presente ano 2014 será “estratéxico” para a actividade turística de Ferrol coa celebración por primeira vez da Semana Santa co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, e o desenvolvemento na cidade do Congreso Europeo de Turismo Industrial e das Xornadas Cruce de Camiños de Europa.











