Novas accións formativas na aula CeMIT de Verín
A aula CeMIT do Concello de Verín continúa coa realización de actividades formativas durante o mes de marzo coa programación de cursos de alfabetización, iniciación á informática ou seminario técnico co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, entre outras.
Dentro da súa función de dinamización e colaboración coas entidades sociais, a aula CeMIT de Verín porá en marcha xunto con Cruz Vermella Monterrei unha actividade de alfabetización informática, ata o 31 deste mes, dentro do seu proxecto de alfabetización dixital. Por outra banda, tamén se desenvolverán seis cursos formativos de iniciación á informática, Internet e Ferramentas na nube; así como o seminario técnico ‘Desenvolvemento de aplicacións para IOS’ a través do sistema de videoconferencia co Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (impartirase a través dun sistema de videoconferencia o 20 de marzo, de 9.30 a 13.30 horas, co obxecto de proporcionar unha visión técnica da arquitectura das aplicacións para iPhone/iPad e orientar á área de negocio e monetización destes desenvolvementos por parte de empresas e autónomos). Ademais, os/as usuarios/as terán dispoñibilidade da “aula aberta” en horario de 12 a 14 horas.
O obxectivo da Rede CeMIT é o de vertebrar territorial e socialmente Galicia, en especial onde a fenda dixital se fai máis evidente, impulsando, potenciando e difundo os coñecementos nas tecnoloxías da información e a comunicación da cidadanía galega. A aula CeMIT caracterízase pola impartición de actividades formativas no eido da alfabetización dixital e do emprendemento.
Todas as persoas interesadas en participar nestes cursos e seminarios deben realizar a súa inscrición na Aula CeMIT de Verín ou tamén na web da Rede CeMIT. Para máis información dirixirse a Aula CeMIT do Concello de Verín, situada na Avenida de Portugal, nº 11, andar 1- porta 11 ou no correo electrónicos: cemit.verin@xunta.es.











