Nosa Terra de Pereiras gaña o premio de mellor comparsa no desfile de Entroido mosense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Desfile de Entroido en Mos

Desfile de Entroido en Mos

Os vencedores do desfile de comparsas do Concello de Mos, celebrado onte, foron os seguintes: a Comparsa Cousas de Porriño gañou o premio á mellor comparsa infantil dotado de 500 euros, a da Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras levou o premio á mellor comparsa de adultos dotado tamén en 500 euros, e novamente Nosa Terra logrou o premio á mellor carroza, doutros 500 euros.

A comparsa “Nosaterrix de Peregalia” da Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras estaba inspirada na película “Astérix e Obélix contra o César” e composta por máis de 130 compoñentes repartidos entre aldeanos galos, guerreiros romanos, druidas e tódolos protagonistas do coñecido cómic de Uderzo. As carrozas recreaban a aldea gala e os aposentos do xefe romano César.

Esta comparsa tamén participou nos desfiles de Porriño, Tomiño e Bembrive. Neste último lugar acadaron o segundo premio de entre 22 comparsas.

O desfile de comparsas de Entroido do Concello de Mos celebrouse onte domingo, día 9 de marzo, ó ser aprazado a dita data por mor das importantes inclemencias meteorolóxicas rexistradas o día programado inicialmente (domingo 2 de marzo).

O desfile de comparsas tivo lugar, como cada ano, na Avenida de Sanguiñeda, e nesta ocasión deu comezo ás 17.30 horas e estivo amenizado polo grupo ‘M3’, ademais de contar coa participación de 12 comparsas de adultos e 4 comparsas infantís.

As 12 comparsas de adultos foron as seguintes: Asociación A Cividade de Louredo, Asociación Veciñal Nosa Terra de Pereiras, Asociación Veciñal Chan do Bosque de Sanguiñeda, Asociación Celado de Cela, Santa Ana de Veigadaña, Asociación de Guizán, a comparsa Mos – Wana Trompazo Real, ASODIFISI (Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos), Colexio das Escravas da Virxe Dolorosa, C.C. Alba de Torneiros-Porriño, comparsa Luces de Tomiño, e Sevillanas sen Sentidiño de Porriño.

As 4 comparsas infantís participantes foron a do colexio mosense de Atín, a da Asociación Cousas do Porriño, a comparsa porriñesa Gris Bastón e a comparsa Venecia de Porriño.

10 de marzo de 2014 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.