Negreira anuncia un proxecto deportivo e de lecer nos terreos da Fábrica de Armas

Carlos Negreira na visita á Fábrica de Armas
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado polo tenente de alcalde de Urbanismo, Martín Fernández Prado, e a concelleira de Barrio, Mariel Padín, presentou esta mañá aos traballadores da Fábrica de Armas e a veciños de Pedralonga e Palavea, o proxecto que o Goberno municipal planea para os terreos da factoría coruñesa.
En concreto, Carlos Negreira, explicoulles que, mediante unha concesión demanial, o Ministerio de Defensa cedeu gratuitamente ao Concello, por un prazo de cinco anos con opción a compra, unha superficie aproximada de 17.000 metros cadrados, dos que 8.125 corresponden a instalacións e 9.000 a zona de aparcadoiro. “Iniciamos este trámite porque queremos superar un déficit que os barrios de Palavea e Pedralonga sofren en materia de infraestruturas e equipamentos. Así, o principal obxectivo é o de resolver este problema, cumprir cunha vella demanda veciñal e consolidar o obxectivo de que na Coruña non existan barrios de 1ª e de 2ª”, destacou o alcalde.
O rexedor explicou que, tras a cesión, o seguinte paso é a redacción do proxecto construtivo para que as obras poidan comezar en 2015: “Nós non improvisamos. Nos próximos meses, acordarase cos expertos as posibilidades que ofrecen os terreos e consultarase aos veciños cales son as súas prioridades para que o proxecto deportivo e lúdico atenda ás necesidades dos principais implicados”, destacou o alcalde, e engadiu: “O importante é que as murallas da Fábrica de Armas derrúbanse por primeira vez para ofrecer un equipamento importante aos veciños da zona, compaxinando a súa actividade, que estamos seguros de que pronto volverá, coa civil”.
Neste sentido, Carlos Negreira lembrou que nos próximos días coñecerase o concurso público para a factoría e agradeceu aos traballadores o seu traballo e a súa implicación para que este proxecto “ao servizo dos veciños”, sexa unha realidade.
O alcalde tamén destacou outra das grandes actuacións que este ano se porán en marcha e que darán resposta a vellas demandas veciñais como a construción dunha pasarela peonil en Pedralonga: “Trasladamos esta demanda ao Ministerio de Fomento que nos transmitiu o seu firme compromiso de que as tan demandadas obras de ampliación de Alfonso Molina terán como primeira prioridade a construción deste paso que conectará os barrios de Pedralonga e Palavea”, concluíu.











