Neda conmemora cunha sesión especial de “Lesme un conto?” o Día Internacional do Libro Infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O Concello de Neda, a través da Concellería de Cultura, anuncia que este ano a vila conmemorará o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil cunha sesión moi especial do programa de fomento da lectura “Lesme un conto?”. Un programa que se vén celebrando en mércores alternos cunha moi positiva resposta por parte da veciñanza e que, nesta ocasión, se traslada para o venres, 4 de abril. Á hora de sempre, as 18, a narradora Marisa Irimia ofrecerá o seu proxecto “Contos dende o planeta Chis”.

Tras o contacontos, pais, nais, avós e nenos e nenas compartirán lecturas en torno aos seus libros favoritos. E, como peche de sesión, seleccionarán novas publicacións para levar á casa.

Doutra banda, o Concello informa de que por razóns técnicas a presentación do libro “Suleima e Salúa”, prevista en principio para este venres, 28 de abril, queda aprazada. Unha vez pechada nova data daráse conta da mesma.

25 de marzo de 2014 | 11:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.