Nava Castro resalta nun foro de turismo en Madrid a capacidade do sectorpara impulsar a economía
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez interveu hoxe en Madrid no II Foro de Turismo ‘La Razón’ centrado nas potencialidades do sector como motor da economía. No seu relatorio, a directora de Turismo estivo acompañada polo xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor e mais pola directora da axencia de receptivo Tee Travel, Mar Rodríguez.
Nava Castro explicou na súa intervención que o turismo representa o 10,6% do PIB e o 11,23% do total do emprego na comunidade galega, polo que se considera un sector estratéxico e motor doutros sectores económicos para Galicia. Destacou, ao tempo, a importancia da colaboración público-privada e a aposta pola calidade como elemento diferencial. De igual modo, afondou nas liñas do Plan Integral de Turismo de Galicia e na importancia de desenvolver turisticamente as grandes fortalezas do destino Galicia e de crear novos produtos baseados nos principais recursos para conseguir diminuír a estacionalidade da demanda.
A directora de Turismo explicou tamén os puntos fundamentais da nova campaña turística da comunidade e as accións específicas que se están a levar a cabo para promover Galicia como destino nos mercados nacionais e internacionais.
A respecto dos novos produtos turísticos, Nava Castro resaltou que o seu desenvolvemento está baseado nos recursos sustentables e nos elementos diferenciais do destino Galicia como o Camiño de Santiago, o patrimonio, a auga, a natureza, a enogastronomía, así como na potenciación de novas alternativas de transporte turístico como os trens turísticos ou no desenvolvemento de destinos intelixentes.
De igual modo, a directora de Turismo de Galicia remarcou a importancia de ser a terra meta do Camiño de Santiago, un fenómeno que experimenta crecemento exponencial e que sitúa internacionalmente ao destino. Ao tempo, destacou que este ano é unha oportunidade única para vivilo dende un punto de vista diferente grazas á celebración en Galicia dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, un acontecemento de Excepcional Interese Público.
No seu relatorio, Nava Castro anunciou algúns dos actos máis relevantes desta extensa programación cultural como os proxectos expositivos Auga Doce e On the Road; citas congresuais como o I Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo ou o I Cumio Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño; e eventos deportivos como a Travesía Náutica Xacobea.











