Nava Castro presenta en Madrid o destino Galicia como un reclamo multiexperiencial

Nava Castro no acto celebrado en Madrid
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interveu hoxe en Madrid nun acto de presentación do destino Galicia dirixido a axencias de viaxes, operadores, maioristas e prensa especializada e no que se deron a coñecer as potencialidades de Galicia como destino multiexperiencial e como referente de calidade nos produtos e servizos turísticos.
Os responsables de Costas Galicia, CNTravel, Interrías, Luamar, Tee Travel e Celtravel, xunto con axentes, operadores, maioristas e medios de comunicación especializados, organizaron esta presentación que contou coa colaboración de Turismo de Galicia e na que participou a súa directora, Nava Castro.
Na súa intervención, destacou a relevancia do sector turístico como tractor da economía de Galicia e como auténtico escaparate dos atributos e capacidades de Galicia como territorio. Incidiu tamén en que entre os retos do turismo galego figura o posicionamento de Galicia como marca diferencial e a consolidación do destino como multiexperiencial e cunha oferta segmentada e desestacionalizadora. A directora de Turismo de Galicia destacou que unha das fortalezas do destino Galicia son os dez produtos cabeceira de marca que conforman diferentes formas de vivir a comunidade como viaxeiro e resaltou que Galicia conta cun dos máis importantes privilexios, que é ser a meta dos Camiños de Santiago.
Nava Castro explicou, ademais, os recursos de Galicia no tocante á natureza, incidindo no feito de que o 12% da nosa superficie está protexida e de que contamos con recursos únicos como un Parque Nacional, 6 Reservas da Biosfera ou 6 Parques Naturais.
De igual modo, resaltou a oferta turística de Galicia vinculada á auga dado que a comunidade conta con 1.659 quilómetros de costa y 863 areais e é a autonomía con máis Bandeiras Azuis do Estado, ademais de liderar a oferta de turismo termal en España e de contar con catro Patrimonios da Humanidade da Unesco. Un total de 671 Bens Inmateriais de Interese Cultural e 117 Festas de Interese Turístico de Galicia, Nacional e Internacional complementan unha atractiva oferta vinculada ao noso rico patrimonio monumental e artístico e ás tradicións e singularidades.
A directora de Turismo lembrou tamén que este ano se celebra en Galicia o VIII Centenario de la Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e que Galicia será o epicentro do turismo cultural acollendo iniciativas como a mostra On The Road, o 1º Cumio Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, o 1º Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo ou a Travesía Náutica Xacobea.
De igual modo, Nava Castro resaltou a diferenciación do destino Galicia a través da calidade e lembrou que contamos con 249 distintivos, que a nosa é a segunda comunidade do Estado no ránking de Q de Calidade Turística e que lideramos segmentos como o turismo rural, o termal, o turismo activo, as instalacións náutico-deportivas, o turismo industrial e mais o de lecer nocturno. O feito de ser un referente na calidade da gastronomía complementa a oferta turística do destino Galicia.
Castro resaltou a relevancia do traballo de intermediación e comercialización e o feito de que o Plan Integral de Turismo inclúa unha liña estratéxica na que se aposta por comercializar Galicia como un destino único baseado nun modelo a demanda, así como accións dirixidas ao fortalecemento dos procesos de intermediación e comercialización.
Así, as axencias galegas Costas Galicia, CN Travel, Tee Travel, Interrías, Luamar e Celtravel exerceron tamén de embaixadoras do destino e incidiron en aspectos como a gastronomía, os produtos galegos de calidade ou os recursos naturais e patrimoniais da comunidade. Ademais o actor e humorista arousán Carlos Blanco interpretou un monólogo protagonizado polos produtos cabeceira da marca turística de Galicia. Os asistentes puideron coñecer así aspectos singulares do Camiño de Santiago, os Bosques de Galicia, os Mananciais de Galicia, Paseando entre viñedos, o Turismo Mariñeiro, a Ruta da Camelia, os Faros e Praias Salvaxes, o Patrimonio Oculto, os Santuarios Máxicos e os Dez Produtos Cabeceira da Marca Galicia. Degustacións gastronómicas de produtos con indicación de calidade e de viños con Denominación de Orixe Protexida, así como audiovisuais e sorteos complementaron a presentación de Galicia.











