Na morte de Adolfo Suárez
Non creo que sexa o intre para valorar polo miúdo a traxectoria de Adolfo Suárez, pero si de dar unhas pequenas pinceladas.
Por un lado, persoa forxada no réxime franquista, e por outro, capaz de adaptarse aos tempos e liderar o camiño a unha democracia, limitada, pero con grandes avances en relación ao seu pasado.
Por un lado, liderou o proceso denominado Transición, evitando así a necesaria ruptura democrática, pero por outro lado, baixo a súa Presidencia houbo máis avances en dereitos e liberdades que nas máis de tres décadas transcorridas dende o fin do seu mandato.
O período de reformas e avances de Adolfo Suarez quedou truncado co ruído de sables que desembocou no golpe de estado do 23-F do ano 81. Desde aquela época, os avances nos dereitos e liberdades, tanto individuais como nacionais, quedaron practicamente paralizados, cando non sufriron, como está a suceder neste últimos anos, drásticos recortes.
Tense enviado mensaxe de pésame a súa familia, respectarase o loito oficial e, para mañá está convocada unha Xunta de Portavoces, ás 10.00 horas, para decidir sobre a celebración do Pleno convocado para as 11 horas.
Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde de Pontevedra











