Mos informa aos veciños sobre o prazo de consulta e presentación de reclamacións ao Censo Electoral
O Concello de Mos informa do período de vixencia do servizo de consulta do Censo e, se fose necesario, de presentación de reclamacións con motivo das Eleccións ó Parlamento Europeo que se celebrarán con data 25 de maio de 2014.
Os veciños e veciñas de Mos poderán solicitar no Rexistro municipal do Concello o servizo de consulta das listas censais electorais e presentar as súas reclamacións no Rexistro municipal, de haber algún erro ou omisión nas devanditas listas, dende o vindeiro luns, día 7 de abril, ata o luns 14 de abril. As reclamacións sobre os datos censais deberán ir dirixidas á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral.
Os interesados en facer uso do servizo de consulta deberán acudir persoalmente e portar documento de identidade (DNI, pasaporte, permiso de conducir ou tarxeta de residencia, en caso de cidadáns da Unión Europea).
No caso das reclamacións, estas terán efecto sempre que supoñan corrección de datos personais, alta por omisión no Censo (cando se trate de cidadáns españois residentes en España, cidadáns da Unión Europea residentes en España e cidadáns da Unión Europea residentes en España que non manifestaran a súa intención de voto), baixa por defunción ou inclusión indebida, cambio de domicilio e cambio de residencia de España ó estranxeiro ou do estranxeiro a España.











