Monicreques de Kukas celebra o seu 35 aniversario en Brión con “Xan Perillán, compra queixo e compra pan”
O auditorio do centro social polivalente de Brión acollerá este sábado 15 de marzo a primeira representación de “Xan Perillán, compra queixo e compra pan”, o espectáculo co cal a compañía compostelán Monicreques de Kukas conmemora o seu 35 aniversario. Trátase dun espectáculo que mestura o clown, a pantomima, a maxia e os monicreques, compaxinando o ocio e o divertimento coa educación no consumo responsable.
Os veciños e veciñas de Brión poderán asistir totalmente de balde á esta gran estrea, que terá lugar ás 18:30 horas deste sábado 15 de marzo, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Consumidor. Unha representación que será posible grazas á colaboración do Concello de Brión, da Xunta de Galicia e do AGADIC.
Xan Perillán
“Xan Perillán, compra queixo e compra pan” é a segunda parte das aventuras deste pallaso mago, que vai mercar ao supermercado “O rato colorado”, onde se atopa co trasno das ofertas que o quere facer caer no consumismo. A inexperiencia da personaxe interpretada por Marcelino de Santiago Viqueira “Kukas” será orixe de numerosas situacións cómicas e absurdas, dende a elaboración da lista da compra ata a publicidade enganosa.
Dende Monicreques de Kukas explican que decidiron retomar esta personaxe porque “encarna a inxenuidade mesturada coa comicidade e certa rebeldía infantil, con quen os nenos empatizan rapidamente e que nos serve para construír un guión cheo de situación s e gags cómicos de pantomima, nos que os números de maxia e a intervención dos monicreques van ir conformando unha historia na que imos presentando moitas das diferentes situacións e comportamentos que un consumidor vai atopando e tendo cando ten que realizar a súa compra diaria”.
O traballo interpretativo de Marcelino de Santiago Viqueira “Kukas” (actor pallaso, mago e manipulador de títeres) é nesta obra de gran complexidade porque ten que enfrontarse dunha banda co traballo físico da pantomima, doutra coa multiplicidade de personaxes que se interrelacionan entre si, o que implica un minucioso traballo vocal, dificultado pola case ausencia de texto e baseado en cacofonías e diferentes acentos, e por último coa limpeza e traballo técnico á hora de desenrolar as escenas con maxia. Unha maxia que non é unha exhibición en si mesma, senón que ten sentido no contexto da propia obra.
35 aniversario
No ano 1979 Marcelino de Santiago (Kukas) e Isabel Rei Pousada crean en Santiago de Compostela a primeira compañía de teatro con marionetas de Galicia da época actual. Nestes 35 anos de traxectoria, Monicreques de Kukas evolucionou dende as representacións na rúa e case que sen teatriño cos seus fantoches de luva ata amosar os seus espectáculos de grande formato e con marionetas de complicados mecanismos de creación propia en importantes escenarios coma o Auditorio de Galicia, Pazo de Congresos de Santiago ou o Teatro Arriaga de Bilbao, Jovellanos de Xixón, Pazo de Congresos de Pontevedra, García Barbón de Vigo ou Rosalía de Castro de A Coruña, entre outros.
Co galo da conmemoración do seu 35 aniversario, este sábado 15 de marzo estrearán en Brión o seu novo espectáculo, escrito e interpretado por Marcelino de Santiago Viqueira (Kukas) e dirixido por Isabel Rey Pousada.
Inauguración
Por outra banda, o pintor Paco Casal inaugurará a súa exposición “Recunchos de soños e realidades” mañá venres 14 de marzo, ás 20:30 horas, na sala de exposición do Concello de Brión. Unha mostra de acuarelas con motivos paisaxísticos e debuxos moi coloristas deste pintor, nado en Ferrol pero que leva toda a vida residindo en Ribeira, que poderán visitarse en Brión ata o 11 de abril. O acto de inauguración estará presidido polo alcalde de Brión, Xosé Luís García.











