Monforte acollerá un curso para monitores de fútbol base
O concello de Monforte e a Escola Galega de Adestradores de Futbol organizan un Curso de Monitor de Futbol Base que se desenvolverá na cidade do Cabe e que foi presentado no día de onte.
O curso iniciarase o día 28 de abril e a súa carga lectiva será de 65 horas, desenvolvéndose as clases teóricas no Pavillón Municipal da Pinguela e as clases prácticas no Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas.
A vindeira semana definirase o prazo de inscrición, a distribución das xornadas presenciais e o número de prazas dispoñibles.
Na presentación do curso participaron Manuel Mosquera, director da Escola, Juan Rodríguez, membro da xunta directiva da Federación Galega de Futbol, Oscar Rodríguez, técnico de Deportes, e José Antonio Díaz, asesor da concellería de Deportes.
José Antonio Rodríguez, en nome da concellería, mostrou a súa satisfacción pola realización deste curso en Monforte, “un curso dirixido á formación da base, unha cuestión prioritaria para a delegación de Deportes”, engadiu.
Juan Rodríguez destacou a importancia da formación e a esixencia de certo nivel para formar ós futbolistas de base. O directivo da Federación lembrou que, a partir da tempada 2015-2016, “será preceptivo contar con título para adestrar nestas categorías” e sinalou que “a Escola achega o curso a localidades de certa entidade para facilitar a formación das persoas interesadas”. Juan Rodríguez agradeceu as facilidades dadas polo Concello de Monforte ó ceder un aula para a formación teórica e as súas instalacións deportivas.
Manuel Mosquera falou dos esforzos para que esta posibilidade de formación fose unha realidade, “unha idea moi boa que está tendo un éxito rotundo coa participación de moitos alumnos”, remarcou. O director da Escola dixo que o que se pretendía era formar a xente capacitada para transmitir valores á marxe das cualidades futbolísticas “co cal lograremos mellores deportistas”.
Mosquera dixo que o obxectivo era contar cos mellores formadores para os rapaces e rapazas e que o curso abría “un gran camiño para o futuro”.











