Moncho Fernández: “O Madrid sabe que pode ser lendario”
O adestrador do Rio Natura Monbus, Moncho Fernández, declarou na rolda de prensa previa ao partido que o seu equipo disputará este domingo (18.00 h. TDP) ante o líder da liga Endesa, o Real Madrid, que “é un equipo que sabe que pode chegar a ser `lendario´”.
O conxunto compostelán enfróntase no Fontes do Sar ao que loxicamente é o equipo máis enforma da competición, que chega invicto con 21 vitorias consecutivas. Os de Moncho chegan a este partido con varias baixas ás que se une a do escolta Durand Scott, cunha escordadura que o manda á enfermaría xunto á base Iñaki Sanz e ao pivote Oriol Junyent. “A día de hoxe creo que non vai estar. É unha escordadura bastante forte; por sorte non houbo rotura nin ósea nin de ligamentos, pero este tipo de cousas funciona pola clínica. A estas alturas non pode apoiar o pé e a dor é moi grande. Eu véxoo francamente difícil. Oxalá estea, pero ten que ser unha evolución que a día de hoxe non vexo”, apuntou.
Fernández lembrou que o recentemente chegado Kaspars Berzins terá un papel protagonista a pesar do pouco tempo que leva na capital galega, pois terá que axudar a Mario Delas e a Micky García Stobart. “A día de hoxe teno que asumir por necesidade imperiosa. Temos tres pivotes, Mario, Micky e Kaspars, ademais do achegue que fai Pavel na posición de catro. É o equipo o que ten que dar un paso adiante. Séguelle faltando tempo, pero a necesidade fai que estean todos máis tempo na pista. É o colectivo o que ten que suplir as baixas”, sinalou.
Pase o que pase, o técnico quere volver ao vestiario “coa sensación de que se deu todo sobre a cancha, que independentemente do resultado a afección senta orgullosa do equipo”.
Todo nun partido especial no que o campo vai estar cheo -por primeira vez despois de cinco tempadas- e contra un equipo que “sempre é complicado, pois fai dano en moitos aspectos que non teñen que ver coa táctica, como o seu ritmo de xogo a campo aberto. É un equipo moi maduro que sabe moi ben o que quere cun estilo propio. O seu obxectivo non é só gañar títulos senón ser un equipo lendario”, subliñou á vez que restou importancia á baixa do escolta Jaycee Carroll, polo “fondo de armario” branco.
O de Pontepedriña insistiu en que “para gañar a un equipo deste nivel tenche que saír todo perfecto e ademais que eles estean mal” e subliñou que nun persoal tan longo como a madridista “o cansazo non é un factor importante, pois leva toda a campaña disputando dous partidos cada semana e só sumou unha derrota”.











