Moncho Fernández: “O CAI Zaragoza é un equipo que sabe moi ben ao que xoga e contra o que xoga”
O baloncesto galego ten a súa cita este domingo -12:15 horas, ATV, OA e TVGA2- en Zaragoza, ante un dos clubs máis fortes desta tempada: o CAI Zaragoza. O equipo dirixido por José Luís Abós é sexto na clasificación da liga Endesa con trece vitorias, tras engranar cinco delas consecutivas e só rotas a pasada xornada polo Herbalife Gran Canaria.
O adestrador do Rio Natura Monbus, Moncho Fernández, destacou na rolda de prensa esta mañá, que “é un equipo moi ben feito, que coa súa boa capacidade económica soubo moverse no mercado. Ademais, goza de gran polivalencia, todos os xogadores poden estar con todos, cada xogador ten unhas características e uns roles definidos que ao final completan un equipo poliédrico”. Ademais, considera que “son uns pasadores excepcionais. Saben moi ben ao que xogan e contra o que xogan, saben responder”. Aínda que recalca o perigo de todo o persoal, subliña o traballo de xogadores como Joseph Jones ou Damjan Rudez, que están promediando ao redor de 15 puntos por partido nas últimas xornadas.
Para ter opcións este fin de semana, asegura que “hai que estar moi ben, como cada vez que xogas contra un equipo grande, porque o son. Non é só un tema de controlar o seu contraataque, a súa transición ou a multiplicidad de aspectos que teñen na media pista. Son un equipo de saídas bloqueadas para Roll, que é un deses escoltas de tiros de dous puntos que xa non quedan. Tampouco hai moitos equipos que teñan o seu xogo interior, con beirados que poden xogar de costas ao aro”.
Pola súa banda, os pupilos de Moncho Fernández seguen lidando coas baixas por lesión, que lle farán viaxar con toda seguridade sen o capitán Oriol Junyent e sen Iñaki Sanz, e con moita probabilidade sen Durand Scott, que continúa recuperándose lentamente da súa escordadura de nocello. Anima a incorporación da á-pivote Travis Peterson, aínda que o técnico pide prudencia: “Lembremos que non só é incorporar a Travis, ao que aínda queda un 70% por aprender; é acabar de incorporar tamén a Kaspars Berzins e a Albert Homs, e iso non se fai nin nun día nin en tres. Temos dúas velocidades que se teñen que unificar nunha. Estabamos nun gran momento e tivemos que frear para subir ao tren aos que acaban de chegar. Agora é cuestión de tempo”. Nese aspecto, os máis veteranos están a exercer un papel fundamental.











