Moncho Fernández: “Fuenlabrada é un equipo potente con gran ritmo de xogo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

De volta en casa, o baloncesto regresa ao Fontes do Sar cun partido de altos voos. Baloncesto Fuenlabrada, un dos conxuntos máis en forma nestes momentos, visita o coliseo compostelán este sábado -20:00 horas -. Para o técnico do Rio Natura Monbus, Moncho Fernández, é “un equipo moi potente que ten un gran ritmo de xogo”.

O técnico asegura que cada vez se notará máis que Luís Casimiro é o novo adestrador e espera tamén algunha sorpresa desde o punto de vista táctico no encontro do sábado. “A segunda semana xa vimos un pouco máis o seu selo persoal, tanto en defensa como en ataque e na repartición de roles. Supoño que iría engadindo situacións tácticas defensivas e ofensivas que aínda non coñecemos porque non as puxo en práctica en competición”, destacou.

Ao técnico preocúpalle Andy Panko e tamén destaca a James Feldeine, dous das referencias do persoal madrileño, que ten a outros homes que tamén poden facer moito dano.

Para o sábado, no Rio Natura Monbus hai tres xogadores que non poderán ter minutos -Iñaki Sanz, Durand Scott e Oriol Junyent- por lesión e un cuarto -Kaspars Berzins- que “na última sesión adestrou pouco, tras dous días fóra da dinámica de traballo por problemas de costas e que debería chegar a tempo. Scott fixo algunha cousa connosco, pero non está ao cento por cento. É unha lesión que depende da dor que poida soportar, aínda que de momento non está ben. No caso de Oriol tamén depende do que poida aguantar; agora está nunha fase de traballo de facer pequenos esforzos e é cuestión de tempo ver como evoluciona”, concluíu.

20 de marzo de 2014 | 22:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.