Moncho Fernández e José Luís Mateo asisten aos faladoiros da “Semana Grande” do Colexio Maior A Estila
O adestrador do Rio Natura Monbus, Moncho Fernández, e o director xeral, José Luís Mateo, asistiron hoxe luns aos faladoiros con estudantes e profesores celebradas semanalmente polo Colexio Maior A Estila, centro adscrito á Universidade de Santiago de Compostela. A actividade deu comezo ás 14:15 horas do mediodía, cun pequeno aperitivo e un xantar, que cederon o paso ás intervencións dos invitados ao redor das 15:00 horas.
O centro, que convida semanalmente a diversos profesionais de ámbitos variados como o da política, as artes, as ciencias ou o propio deporte, quixo contar nesta ocasión cos dous alicerces básicos do equipo compostelán, para que os novos estudantes que acudiron, completasen a súa formación universitaria fose das aulas e dunha forma máis interactiva. A reunión está encadrada, ademais, dentro da “Semana Grande” do Colexio, na que se celebrarán moitas outras actividades de interese para os alumnos universitarios.
Neste caso, Moncho Fernández falou da súa experiencia profesional como adestrador dun equipo deportivo de elite, focalizándose nos valores e características que hai que ter para desenvolver ese papel. Pola súa banda, José Luís Mateo centrou a súa intervención en explicar o funcionamento dun club profesional máis aló da súa vertente puramente deportiva, definindo así o seu rol de director xeral e definindo, por tanto, un dos trazos máis descoñecidos para calquera afeccionado a un equipo.
Ademais, o medio centenar de asistentes, tanto residentes como externos á propia entidade, demostraron gran interese por profundar nas intervencións de ambos e aproveitaron a oportunidade para intercambiar opinións e abrir debate sobre as cuestións que máis os atrayeron.











