Miño Teixugos, Club Piragüismo Cambados e As Torres Romaría Viquinga gañaron as competicións da Federación Galega de Piragüismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportes
A-
A+

O Miño Teixugos, na liga Galega de Slalom, o Club Piragüismo Cambados, na Copa Sipre de kaiak de mar, e As Torres Romaría Viquinga, na liga Galega de promoción, foron o tres equipos gañadores das competicións que organizou o pasado fin de semana a Federación Galega de Piragüismo. Máis de oitocentos padeeiros, de todas as categorías, foron os que participaron nas regatas que se disputaron en Mondariz Balneario, Cambados e Verducido (Pontevedra).

A liga Galega de promoción para as categorías de infantís e alevíns reuniu en Verducido a máis de cincocentos deportistas. Á cita acudiron 35 equipos e as regatas disputáronse nas distancias de 3.000 e 1.500 metros.

O As Torres Romaría Viquinga foi o que logrou o primeiro posto na clasificación final. Superou ao Breogán do Grove, Rías Baixas Náutico Boiro, Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra e Ría de Aldán Irmáns Galdón, que se clasificaron a continuación.

En Mondariz Balneario xuntáronse cen padeeiros para disputar a segunda xornada da liga Galega de Slalom. O Miño Teixugos logrou o primeiro posto por clubs, seguido polo Club Tea de Mondariz, Penedo, Dumbría, Montaña Quixos, Darque e Val Miñor. Do mesmo xeito que sucedeu na primeira proba do campionato, tamén estiveron presentes os padeeiros portugueses.

E en Cambados celebrouse unha espectacular regata da Copa Sipre de kaiak de mar. Máis de douscentos padeeiros afrontaron a proba de doce quilómetros para a categoría sénior e cinco quilómetros para os cadetes e afeccionados en xeral. O Club Piragüismo Cambados, organizador da proba, foi o que levou o triunfo final. O segundo foi o Club de Mar Ría de Aldán Irmáns Galdón, o terceiro lugar correspondeu ao Náutico de Ribadumia, o cuarto ao Kaiak Vigo e o sexto ao Piragüismo Aldán.

O vindeiro sábado continuará o intenso calendario do piragüismo en Galicia. Verducido será o escenario do Campionato Galego de K-2 e C-2 sobre a distancia de cinco mil metros. Á competición acudirán todos os clubs galegos, polo que se espera unha masiva participación.

24 de marzo de 2014 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.