Mellora das comunicacións no parque empresarial do Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

O alcalde do Carballiño, a través da concellaría de Industria que dirixe a edil Teresa Cerdeira, informou os empresarios situados na vila, e seguindo co proxecto de achegar as mellores condicións para o desenvolvemento da área industrial, que nestes momentos todo o Parque Empresarial conta cunha rede de fibra óptica, o que ofrece unha maior rapidez á hora de realizar todas as xestións telemáticas. Esta rede de fibra foi instalada pola empresa R, que vén complementar a xa existente de Movistar.

É un dos principais obxectivos da concellaría de Industria o ofrecer todas as medidas e accións ao seu alcance para modernizar o Parque Empresarial, e consideran que unha delas, e case a máis importante, é contar con boas redes de comunicación, ao entender que na actualidade unha porcentaxe elevada de xestións empresariais realízanse a través de internet, por non dicir as oportunidades que ofrece unha rede deste tipo para ofertar a información a futuros clientes a través da telefonía móbil, verdadeiras ferramentas de traballo na actualidade.

Tamén informaron desde o concello aos empresarios  que, moi pronto, outra empresa de comunicación instalará a súa rede no Parque Empresarial, para desta forma ofrecerlles unha maior oferta adaptada ás súas necesidades.

No escrito remitido a todos os empresarios  tamén se lembrou que a concellaría de Industria, Emprego e Promoción Económica, está aberta a todas as suxestións que, desde a súa empresa, poidan facer para mellorar a xestión e o seu desenvolvemento profesional. Por tal motivo achegaron  a esa carta un formulario para cubrir polos empresarios, co obxectivo de contar cos seus datos e, desta forma, poder manter unha comunicación máis fluída entre o Concello e os empresarios.

31 de marzo de 2014 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.