Melina Alonso foi segunda e Nan Oliveiras, bronce, na Copa Panamericana de Valparaíso
O Grupo de Alto Rendemento do Centro Galego de Tecnificación Deportiva pechou a súa xira por Arxentina e Chile cunha magnífica actuación na Copa Panamericana de Valparaíso (Chile). Na categoría feminina, Melina Alonso logrou a segunda posición, mentres que na masculina houbo tres galegos no top 5: Nan Oliveiras (terceiro), Diego Paz (cuarto) e Antonio Serrat (quinto). O equipo dirixido por Omar González regresa a casa despois de case dos meses de adestramentos e competicións.
Na proba feminina, Melina Alonso fixo un gran papel ao lograr esa segunda posición, despois de estar loitando nos dous primeiros sectores coa ex campioa do mundo de tríatlon Leandra Cave. Finalmente, Leandra impúxose na carreira a pe e levou o título (02:04:58) e a nosa deportista ese magnífico segundo posto (02:08:37). A outra representante galega, María Ortega, tivo que abandonar por unha caída.
Na categoría masculina, gran actuación dos galegos, con tres deportistas entre os cinco primeiros. Nan Oliveiras e Diego Paz tiñan como obxectivo a terceira posición e estiveron xuntos ata o final loitando por ese bronce, que finalmente foi para Oliveiras (01:53:47), mentres que Paz quedou cuarto (01:54:08) e o vigués Antonio Serrat foi quinto (01:55:05). Iñaki Baldellou tivo que abandonar a proba na carreira a pe. Ademais, hai que destacar o triunfo do deportista local, Felipe Barraza cun tempo de 01:50:35.
Esta Copa disputouse sobre a distancia olímpica, é dicir, 1.500 metros de natación, 40 quilómetros en bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pe.
Agora o equipo galego regresa a Galicia, para centrarse no campionato de España de Duatlón de Avilés, xa que o obxectivo é lograr a clasificación para o Mundial de Duatlón que se celebrará este ano en Pontevedra (Melina xa está clasificada por ser a actual campioa de España na súa categoría).











