Medio cento de persoas participan nos obradoiros de memoria activa de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O local social da Senra, en Ferreira, acolleu este martes a primeira sesión dos obradoiros de memoria activa organizados polo Concello. Neles inscribíronse un total de 55 persoas e a maioría delas son mulleres cunha media de idade duns 65-70 anos. Ata o mes de xuño asistirán cada quince días ás xuntanzas nas que, ademais de parolar, realizarán exercicios para manter a cabeza en forma.Este ano os obradoiros presentan como novidade a participación da Rede CeMIT, que pretende convertelos nunha experiencia colaborativa que máis adiante se poida publicar na Internet.

Moitas veces asóciase a perda de memoria a unha cuestión de idade. Porén, non sempre ten por que ser así. O cerebro é un órgano vivo que se pode adestrar igual que calquera outra parte do corpo e cando xa temos uns aniños é moi aconsellable exercitalo con sinxelos exercicios.

Iso é o que pretenden os obradoiros de memoria activa que imparte por cuarto ano consecutivo a técnica municipal de Igualdade. Son encontros quincenais que se desenvolven en San Sadurniño, Naraío, Ferreira, Bardaos e Santa Mariña do Monte nos que se traballa principalmente sobre a cognición, pero tamén sobre aqueles hábitos saudables que axudan a ter a mente en forma.

O proxecto conta con finanzamento da Deputación da Coruña e nesta edición contará, ademais, coa implicación da axente TIC da Rede CeMiT, quen actuará como dinamizadora dos grupos de cara a que sexan partícipes da reconstrución da memoria colectiva recente de San Sadurniño. Unha tarefa que se levará a cabo por medio da narración oral, o comentario de fotografías e mesmo con gravacións de video e son realizadas polas persoas asistentes aos obradoiros. Agárdase xuntar material dabondo para difundilo posteriormente a través da Internet empregando principalmente a plataforma Fálame de San Sadurniño.

Os obradoiros de memoria activa durarán desde este martes ata o 19 de xuño de quince en quince días. Os martes de 16.45 a 18 horas a sesión será en Ferreira e de 18.15 a 19.30 horas en San Sadurniño. Os mércores de 15.45 a 17 horas en Santa Mariña e de 17.15 a 18.30 horas en Naraío e, por último, en Bardaos os mércores de 16.45 a 18 horas.

11 de marzo de 2014 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.