Medio Ambiente acepta a proposta para esixir a Fomento que elimine a “herba da pampa” na AP-9
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aceptou a proposta realizada polo PSOE de Ordes para que AUDASA, empresa concesionaria da Autoestrada do Atlántico (AP-9), deixe de utilizar como planta ornamental a “herba da Pampa”. En resposta á petición unánime do pleno do Concello de Ordes, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza vén de instar á Dirección General de Carreteras do Ministerio de Fomento, en calidade de responsable da AP-9, a deseñar e executar un plan de erradicación da “herba da pampa” da autoestrada.
O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira ,celebra que “a Xunta coincida cos socialistas de Ordes en que estamos diante dunha especie invasora, que se expande con facilidade e que está a invadir terras de labradío, obrigando aos propietarios destes terreos a ter que gastar tempo e cartos na erradicación desta planta, pois as súas raíces incrústanse na terra de maneira moi profunda e supoñen unha grave ameaza para a conservación da biodiversidade”. De feito, no seu escrito enviado á Dirección General de Carreteras, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza lembra a necesidade de que “se complete a erradicación dos exemplares desa especie instaladas dentro de noiros e medianas, e de que se inicien as accións oportunas para erradicalas nos terreos lindeiros, dentro da zona de servidume das vías”.
Así mesmo, dende a Xunta amosan o seu compromiso con realizar actuacións de control e erradicación desta especie invasora no medio natural de cara a unha axeitada conservación da biodiversidade en Galicia. Pedreira amosa a súa satisfacción polo apoio amosado pola Xunta de Galicia, xa que “a erradicación da herba da pampa esixiría un importante desembolso para os propietarios dos terreos invadidos”. De feito, segundo unha experiencia realizada en Asturias, o custe medio por cada planta é de entre 2 e 10 euros, xa que cortarlle os plumeiros só é un parche, pois volven saír. A solución máis efectiva sería utilizar herbicidas, que custan uns 4.200 euros por hectárea. E son precisas dúas aplicacións.
A petición socialista fora aprobada por unanimidade do pleno municipal o 27 de novembro de 2013.











