Mato aposta por unha sociedade máis inclusiva durante a intervención no almorzo do Club Financeiro de Vigo

Mato durante o almorzo no Club Financeiro de Vigo
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, sinalou hoxe que Galicia debe “seguir impulsando” unha sociedade cada día máis inclusiva e con maiores niveis de empregabilidade entre os seus traballadores
Así o sinalou hoxe nun almorzo organizado polo Club financeiro de Vigo. Durante a súa intervención, centrouse fundamentalmente no eido laboral, así como nas actuacións que está desenvolvendo o Goberno galego para axudar a quen máis o precisa.
No que se refire ao emprego, recordou que “loitar contra o paro é o obxectivo número un deste Goberno”, un esforzo que está a levar a cabo de xeito “transversal”. No marco deste traballo conxunto de diversas áreas, Mato precisou que as actuacións que se impulsan desde o departamento que dirixe son fundamentalmente as políticas activas de emprego, dentro das que destacou: a formación, o Plan de emprego xuvenil e o emprendemento.
En canto á formación, lembrou que en 2014 a partida destinada a este obxectivo está blindada en 63 millóns de euros. “Canto máis preparados e formados para o emprego estean os traballadores galegos, máis oportunidades reais van ter de acceder ao mercado laboral. Ademais, contribuíndo á formación dos profesionais tamén estamos incidindo na competitividade das empresas”, subliñou a conselleira
Nesta liña de actuación, inscríbense medidas como a anunciada onte en Vigo: un convenio de colaboración con ASIME para formar a 585 desempregados do naval, ao que se destinarán 1,1 millóns de euros. Este acordo permitirá aos participantes obter acreditación internacional.
De feito, Mato recordou que Galicia sitúase actualmente á cabeza das autonomías en formación certificada. Ata o momento, outorgáronse 36.000 certificados de profesionalidade. Este ano a práctica totalidade das actividades de formación van estar vinculadas a obtención destes títulos.
No que se refire ao Plan de emprego xuvenil, destacou que as 19 medidas que o conforman poranse en marcha neste primeiro cuadrimestre do ano, cun investimento total de 100 millóns de euros en dous anos. En concreto, o Plan estrutúrase en torno a tres núcleos: contratación, emprendemento e formación. Sobre este último aspecto, a conselleira fixo fincapé na “estreita relación” que existe entre o desemprego xuvenil e a falta de formación.
Entre as medidas destacables deste Plan, puxo en valor actuacións como os incentivos á contratación de mozos e mozas que nin estuda nin traballan, ou a publicación dunha orde específica para autónomos menores de 30 anos.
Ademais desta convocatoria específica, Mato resaltou que o Goberno galego non só apoia aos emprendedores menores de 30 anos, senón que ten un “firme compromiso cos traballadores por conta propia, os emprendedores e aqueles que aposten pola economía social, independentemente da súa idade”. Por iso, tense impulsado a primeira Lei de emprendemento e economía competitiva da historia da autonomía; tense modificado a Lei do cooperativismo; e desenvolverase unha Lei de economía social, que converterá a Galicia na primeira autonomía en contar cunha norma destas características.
Por último, a conselleira referiuse ao eido da inclusión, e incidiu en que “o compromiso deste Goberno é o de non deixar desatendido a ninguén”. Para iso, en 2014 increméntanse nun 13,6 por cento as partidas destinadas a este fin, ata alcanzar os 59,2 millóns de euros.
Con todo, considerou que “o camiño máis curto cara á inclusión sempre é o emprego”. Por iso a Lei de inclusión, que se aprobou no Parlamento galego, articula unha nova RISGA, que estimula e incentiva os itinerarios individuais cara o emprego.
A promoción da inserción laboral non se limita só a este colectivo, senón que se estende tamén a outros como as persoas con discapacidade, para os que tamén aumenta a partida dirixida a fomentar a súa inserción laboral.











