Mato apela ao diálogo coas entidades de iniciativa social na celebración do Día Mundial do Síndrome de Down

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, apelou hoxe en Ferrol,  nun acto no que participou con motivo da celebración hoxe do Día Mundial do Síndrome de Down, a continuar co diálogo e o consenso coas entidades de iniciativa social para conseguir “unha igualdade efectiva de oportunidades” para todos os galegos e galegas. A titular de Benestar destacou, neste senso, que froito do contacto permanente coas diferentes asociacións téñense acadado importantes avances no eido da discapacidade.

Mato indicou que para o Goberno galego a discapacidade segue a ser unha prioridade e, deste xeito, lembrou que os orzamentos da Consellería de Traballo e Benestar para este ano incrementan nun 6 por cento as partidas económicas dirixidas a este ámbito, ata alcanzar os 97 millóns de euros. Deste global, a conselleira apuntou que se destinan 17,4 millóns para os programas de emprego, que se incrementan en 2014 un 8 por cento con respecto ao exercicio anterior. Só para os centros especiais de emprego dedícanse 13,6 millóns nas dúas próximas anualidades o que permitirá subvencionar o emprego de 2.000 traballadores e traballadoras con discapacidade en 114 centros en Galicia.

Ademais de reforzar o orzamento no eido da discapacidade, Mato sinalou que a Xunta tamén está a actualizar o marco lexislativo e, así, avanzou que este próximo martes debaterase no Parlamento de Galicia o anteproxecto da nova Lei de Accesibilidade, en concreto, as emendas á totalidade. A conselleira resaltou que esta nova normativa permitirá a Galicia seguir a avanzar cara á consecución dunha accesibilidade universal. “Superará o tradicional concepto das barreiras arquitectónicas, poñendo énfase en aspectos tan importantes como a comunicación ou as novas tecnoloxías”, subliñou.

Así mesmo, lembrou que en decembro o Consello da Xunta aprobou o decreto de Atención Temperá, que vai mellorar a coordinación e a eficiencia na atención aos nenos e nenas que máis o precisan. Para desenvolvelo, constituíuse hai dez días o Consello Autonómico de Atención Temperá.

Por último, a conselleira indicou que o pasado 1 de novembro entrou en vigor a nova carteira de servizos para as persoas dependentes, que é un dos catro piares do novo modelo de carteiras que está a elaborar a Xunta.

En definitiva, Mato concluíu asegurando que o labor do departamento autonómico no eido da discapacidade céntrase en acadar “o máximo benestar” deste colectivo e a construción dunha sociedade “máis inclusiva e igualitaria”.

21 de marzo de 2014 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.