Mariñas – Betanzos canalizará a atención aos emprendedores da comarca cun acordo co Igape

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Os emprendedores das comarcas da Coruña e Betanzos atoparán no Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas – Betanzos toda a atención que requiran. O GDR e o Igape acordan iniciar unha colaboración co principal obxectivo de facilitar aos 190.000 veciños da área o acceso aos programas de emprendimiento.

O presidente de Mariñas – Betanzos, José Antonio Santiso, e o director xeral do Igape, Javier Aguilera, aproveitaron onte a presenza deste nun seminario do programa “Rural – emprende” en Abegondo para abordar esta colaboración. A idea é que o GDR funcione como axente do Igape na zona, de tal forma que ofreza asesoramento e asistencia aos veciños interesados en emprender.

Santiso cualifica de “excelente noticia” este próximo traballo conxunto. Entende que suporá un paso definitivo para impulsar o emprendimiento, ao permitir aos cidadáns non ter que desprazarse a Santiago ou A Coruña para buscar o financiamento do Igape para o seu proxecto, atopando unha atención “próxima e personalizada” nas oficinas do Grupo de Desenvolvemento Rural.

Agora, nos próximos días, os técnicos das entidades concretarán a fórmula exacta para proceder a asinar a colaboración, que será referendada pola Xunta de Galicia. Santiso explica que o GDR dispón dunha “estrutura e experiencia idónea” para levar a cabo este labor, con persoal técnico de diferentes materias e unha aposta polo emprendimiento demostrada continuamente nos proxectos desenvolvidos e en marcha.

O director do Igape avanzou que si existirán fondos para promover o emprendimiento en Galicia. A condición principal, apuntou, será que os proxectos presentados demostren a viabilidade necesaria para que conten co apoio autonómico. A recente denominación das Mariñas como reserva de biosfera por parte da Unesco supón unha oportunidade de ouro para emprender na comarca. Santiso coincidiu con Aguilera en que haberá fondos para proxectos dos emprendedores, destacando unha compoñente de orixinalidade necesaria para o éxito.

O alcalde de Abegondo avanzou que o emprendimiento na reserva de biosfera considerarase tanto para o sector primario, como o secundario e o terciario. As Mariñas Coruñesas defende que parte dos fondos europeos do Plan de Desenvolvemento Rural 2014 – 2020 destínense ás reservas galegas e anuncia a inminente convocatoria de axudas LEADER.

1 de marzo de 2014 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.