Manifesto do grupo de alcaldes contra a suba da taxa de Sogama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+

Os alcaldes contrarios ó incremento do canon de Sogama volveron manifestar a súa oposición a esta medida levando a cabo un peche nas oficinas da Xunta de Galicia en San Caetano.

Durante o peche negociaron con representantes da Xunta de Galicia unha entrevista co Conselleiro Agustín Hernández, encontro que se celebrará en Compostela o vindeiro martes día 1 de abril ás 15:30 horas.

Por outra banda, o grupo de alcaldes quere manifestar o seu total desacordo coas manifestacións realizadas no día de onte polo presidente da Xunta respecto do conflito de Sogama, dicindo que “a aplicación das normas non é negociable”.

Os alcaldes pídenlle ó presidente da Xunta de Galicia que “adique a negociar cos alcaldes tan só unha décima parte do tempo que adicou a negociar a fusión e venda das caixas de aforro galegas”, asegurándolle que o resultado “será mellor para os galegos e galegas”.

Os representantes do municipalismo que se opoñen á suba do canon sinalan que “a primeira obriga dun presidente é defender os intereses dos cidadáns, non os das grandes compañías eléctricas”.

Os alcaldes están seguros de que a apertura do diálogo por parte do conselleiro non vai ter ningún tipo de limitacións á hora de buscar unha solución a este problema.

28 de marzo de 2014 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.