Mañá constituirase en Monforte a Comisión de Igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A concellería de Igualdade, a través do Centro de Información á Muller, celebrará mañá mércores día 19, ás 13:00 h. na Sala de Xuntas do Concello, unha reunión dirixida ó persoal técnico e político do Concello coa finalidade de constituír a Comisión de Igualdade do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres 2013-2016 (II PIOM).

Esta comisión será a encargada de dar impulso, planificar e implementar as accións a levar a cabo, e facer o seguimento e avaliación do II PIOM.

O II PIOM foi aprobado por unanimidade polo Pleno do Concello en sesión extraordinaria celebrada o 28 de novembro de 2013. Este II PIOM supón a continuación e afondamento no desenvolvemento das políticas de igualdade de oportunidades que desde hai anos veñen realizándose no concello de Monforte de Lemos.

Este Plan comporta un avance claro respecto do anterior, xa que está orientado a afondar na implicación municipal no avance da igualdade, a través da explicitación do compromiso e a creación de estruturas de asesoramento e apoio para a implantación da transversalidade do principio de igualdade nas políticas públicas.

Así mesmo, garantir o cumprimento dos obxectivos do II PIOM require un seguimento permanente que, sen dúbida, aconsella a creación de estruturas estables de coordinación que propicien unha correcta execución das medidas contidas no Plan, polo que a concellería de Igualdade propón a constitución dun órgano de carácter interdepartamental denominado Comisión de Igualdade.

18 de marzo de 2014 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.