Malvela e Patricia Martínez protagonizarán en Mos o Día Internacional da Muller
A concelleira de Benestar Social e Cultura do Concello de Mos, Sara Cebreiro, realizou hoxe a presentación da programación con motivo da celebración do Día Internacional da Muller.
Cebreiro informou esta mañá de que o vindeiro venres, 7 de marzo, ás 10.00 horas no Concello de Mos, procederase á creación da Mesa Local contra a Violencia de Xénero, á que asistirá a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, a propia edil Sara Cebreiro, a Xefa do Servizo contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Mª Paz Rey, o Capitán Xefe da segunda Compañía da Comandancia da Gardia Civil de Vigo, Antonio Iglesias Salas, a psicóloga do departamento municipal de Benestar Social do Concello de Mos e representación da Policía Local mosense, da Garda Civil, do Centro de Saúde de Mos e do Centro de Información á Muller (CIM) de Mos e Porriño.
O propio Día da Muller, o sábado 8 de marzo, celebrarase a partir das 20.00 horas un acto que contará cun concerto de Malvela, declamación de textos a cargo de María Magdalena e Dorinda Castro, e homenaxe a Patricia Martínez. Malvela fará neste concerto un repaso polos temas de toda a súa discografía pero centrándose especialmente nas cancións de Raianas, o seu último disco.
Pola súa banda a bailarina mosense Patricia Martínez, será galardoada como muller de éxito pese a súa xuventde e con motivo do seu derradeiro trunfo xunto á súa parella, Adrián Esperón, no Campionato de España Absoluto en 10 Bailes, co que suman o seu oitavo título como Campións de España.











