Máis dun cento de persoas participan na celebración do Día Internacional da Muller en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A galería do Pazo da Marquesa quedou pequena para acomodar o público que asistiu na tarde do sábado ao acto institucional co gallo do Día Internacional da Muller. Máis dun cento de persoas reuníronse na futura casa consistorial para presenciaren un evento reivindicativo do papel da muller na sociedade e da necesidade de seguir avanzando cara unha igualdade de xénero real.

O acto comezou pouco despois das 19.30h. coa narración da lenda da Loureana recollida por Eva Merlán no seu libro Contos de Trasancos. A nena Elena Beceiro foi a encargada de poñerlle voz ao relato ambientado no castro de San Sadurniño con música de fondo dos Cempés, que en 1997 incluíron unha peza co mesmo título no seu disco Capitán Re. 

Foi o arranque dun evento no que se volveu poñer de manifesto a necesidade de continuar traballando a prol da igualdade de oportunidades para as mulleres. A concelleira responsable desta área, Ana Belén Breijo, reclamou un maior compromiso de toda a sociedade para lograr este obxectivo, ademais de lembrar de xeito resumido os contidos do II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes aprobado recentemente en San Sadurniño.

O Día Internacional da Muller adiado ata a última fin de semana de marzo serviu tamén para entregar os premios do I Certame Fotografía e Igualdade organizado pola asociación ARTElladas ao que se presentaron un total de 14 obras. Na categoría infantil o gañador foi Hugo Bouza coa fotografía “As nenas tamén son futbolistas” mentres que na de adultos o premio levouno Sonia Fernández coa imaxe titulada “Tareas domésticas compartidas”. 

A fotografía ocupou boa parte do evento a través de Fálame de San Sadurniño. Un proxecto colaborativo na rede no que participan arredor de 150 persoas. A maioría delas son mulleres que asistiron a algún dos cursos de iniciación a Internet organizados pola Rede CeMIT. Nos cursos escanearon imaxes antigas que despois publicaron na web do proxecto acompañadas dunha gravación explicativa. Unha mostra do que é Fálame… puido verse o sábado ao vivo coa intervención de varias mulleres das sete parroquias do municipio. Proxectáronse imaxes que as propias mulleres -ben en grupo ou de unha en unha- foron describindo e comentando cada unha ao seu xeito aínda que con puntos coincidentes nas ideas principais. Así, todas as intervencións destacaron a capacidade feminina para repoñerse á adversidade, o espírito de loita da muller e o convencemento de que, malia terse mellorado, “aínda queda moito traballo por facer en favor da igualdade”, tal e como dixo Cruz Piñón durante a súa intervención en representación de Ferreira.

O alcalde de San Sadurniño improvisou un breve discurso na clausura do acto no que destacou o “compromiso” do equipo de goberno coa igualdade entre homes e mulleres para o que puxo como exemplo o propio executivo local “formado por máis mulleres que homes”, dixo Secundino García. 

O Día Internacional da Muller pechou con música. Un cambio na programación de última hora obrigou a buscar in extremis un remate axeitado á tarde. A concelleira de Obras Amparo Calvo organizou un coro coas participantes na exposición de Fálame…, que só puideron ensaiar dúas veces antes da actuación do sábado. Xusto antes de que cantasen, a directora da masa feminina traballou o humor para gañar de antemán o favor do público. Deulle resultado. As mulleres cantaron unha peza -a única que sabían todas xuntas- e saíron con ben do trance levando incluso algo parecido a unha ovación.

31 de marzo de 2014 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.