Máis de catrocentos veciños participan no Festival de Entroido de Lousame

Entroido en Lousame
Máis de catrocentos veciños e veciñas ateigaron esta tarde o pavillón municipal “Pilar Barreiro Senra” para participaren no tradicional Festival de Entroido do Concello de Lousame. O mal tempo e a continua choiva rexistrada durante a xornada non afectou ao normal desenvolvemento da festa, pero impediu a celebración da andaina “Hansel e Gretel” organizada polo Concello de Lousame e a asociación Vintedouspés.
A Festa de Entroido comezou puntual. Ás 17:00 horas foron chegando os primeiros grupos de veciños, que se atoparon cun polideportivo decorado para a ocasión e onde puideron disfrutar de distintas actividades: xogos, baile e obradoiros de maquillaxe e de elaboración de caretas de Entroido. Para picar, durante toda a tarde houbo degustación gratuíta de produtos típicos do entroido (filloas e orellas), nas que tres filloeiras realizaron preto dun milleiro de filloas, así como unha máquina de palomitas doces e salgadas que tivo moito éxito entre os pequenos. E todo coa compañía de zancudos e de Papá Pitufo.
Así mesmo, uns 120 rapaces e rapazas participaron no tradicional concurso de disfraces, nos que foron premiados os dez primeiros clasificados de cada unha das catro categorías establecidas: de 1 a 5 anos, de 6 a 10, de 11 a 13 e de 14 a 17 anos. A festa rematou pasadas as 20:00 horas.











