Máis de 70 persoas de distintos lugares de Galicia participan nas xornadas sobre Itinerarios Culturais Europeos
A vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Cultura, Mariel Padín, inaugurou hoxe a xornada sobre Itinerarios Culturais Europeos na Fundación Novacaixagalicia que contou coa participación de máis de 70 persoas de distintos lugares de Galicia. Durante as charlas organizadas pola institución provincial os asistentes puideron coñecer a importancia de formar parte destas rutas culturais internacionais.
Así o destacou Pilar Barraca, responsable da Unidade de Análise de Itinerarios Culturais do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. A responsable estatal falou da repercusión que pode ter un proxecto deste tipo para o desenvolvemento local dun municipio, tanto no ámbito económico e social como cultural. “É algo que nos une a todos os europeos”, afirmou.
Barraca tamén incidiu na implicación da poboación local para que estas rutas teñan visibilidade e funcionen.
A nivel local, tres relatores ofreceron a súa experiencia en tres municipios distintos. Rubén Ventureira explicou o itinerario cultural de cemiterios coruñeses e Malisa Castiñeiras falou do que supoñen as Rutas Viquingas para unha localidade coma Catoira, de 3.500 habitantes e que durante estas festas chega aos 25.000 turistas. Tamén se contou coa presenza de Nita Torres, en representación do Concello de Ourense, a única cidade española inscrita no itinerario cultural de Cidades Históricas Termais.
Pola categoría das conferencias e a asistencia de público, Europe Direct, o departamento dependente da Deputación encargado de organizar o evento, celebrou o “éxito” da convocatoria. Precisamente foi a portavoz do departamento, Cristina Couto, a responsable de pechar o seminario explicando os servizos que ofrecen as redes oficiais de información da Comisión Europea.
En total, hai 26 itinerarios culturais en Europa e ata 18 deles teñen presenza en España.
Crossroads of Europe
A Deputación da Coruña presenta esta xornada como un “aperitivo” á celebración do Crossroads of Europe, evento internacional que promove a Comisión Europea e que terá lugar no mes de xuño en Ferrol.
Durante este encontro, que acollerá tamén a quinta edición do Congreso Europeo de Turismo Industrial, diversos expertos en patrimonio cultural explicaranlles aos asistentes a importancia das alternativas ao turismo tradicional que funcionan en Europa.
Itinerarios culturais
Un exemplo de itinerario cultural na provincia da Coruña é precisamente a Ruta Naval posta en marcha polo Concello de Ferrol e a Deputación hai xa dous anos e que foi a culpable da designación da cidade como sede destes importantes eventos europeos.
Ademais, antes do verán estará en marcha a Ruta Conserveira, que lles permitirá aos turistas visitar as principais industrias ao longo de toda a costa coruñesa.











