Máis de 3.000 atletas participarán na IV Carreira Popular Torre de Hércules o 29 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa da celebración da IV Carreira Popular Torre de Hércules o próximo 29 de marzo, despois de que o pasado 1 de febreiro as condicións meteorolóxicas impedisen a súa celebración. A proba, na que xa se inscribiron máis de 3.000 corredores, enmárcase dentro da segunda edición de Coruña Corre, programa municipal que aposta polo fomento do deporte e dos hábitos de vida saudables, á vez que dinamiza a vida social dos clubs de atletismo e dos barrios.

A carreira, con saída e chegada na chaira da Torre de Hércules, arrincará unha hora despois do previsto inicialmente tras valorar as opinións dos corredores e outras carreiras adxacentes. Así, ás 19.30 horas, a proba arrincará coa categoría absoluta, que percorrerá unha distancia de 6.515 metros. O resto de categorías sairán ás seguintes horas:

-Xuvenil e Cadete: 17.30 horas, 2.300 metros.

-Infantil: 17.55 horas, 1.600 metros.

-Alevín: 18.15 horas, 800 metros.

-Benjamín: 18.30 horas, 800 metros.

-Pitufos: 18.45 horas, 150 metros.

Ademais, outro dos motivos, e que supón unha das principais novidades deste ano nesta proba, é a súa celebración un sábado e o seu horario, xa que a última rampla de subida até o pé da Torre de Hércules proporcionará unha gran espectacularidade ao levar a cabo de noite coa iluminación do monumento en todo o seu esplendor. Converterase, desta maneira, na primeira carreira nocturna que acolla a cidade.

Os interesados en participar nesta proba poderán inscribirse até o próximo 25 de marzo ás 23.30 horas a través das webs www.coruna.es/carreraspopulares ou www.championchipnorte.com, ademais de na oficina de viaxes do Corte Inglés de Cásaa da auga. Os dorsais poderán recollerse o sábado 29, día da carreira, no frontón da Cidade Deportiva da Torre até unha hora antes do inicio da competición.

O Concello da Coruña tamén informa de que a ONG Entreculturas (www.entreculturas.org) colocará unha caseta informativa na IV Carreira Popular Torre de Hércules. Trátase dunha entidade social que traballa pola educación e o desenvolvemento social e que aproveita esta proba atlética para dar a coñecer o seu labor e os programas que está a desenvolver a favor dos máis necesitados.

CORUÑA CORRE

Tras a celebración das dúas primeiras probas de Coruña Corre, o Concello da Coruña logrou os obxectivos que se fixou nesta segunda edición, duplicándose o número de corredores e de familias participantes.

E é que, nesta edición, a principal novidade é que se poden inscribir grupos mixtos de 3 ou 4 persoas coa condición de que polo menos un deles non participe na primeira edición. Neste sentido, apuntáronse un total de 60 equipos. Outro dos obxectivos consistía en incrementar a participación feminina, que era do 13%, algo que se conseguiu cun 25% nas dúas primeiras carreiras.

Tras esta proba, as seguintes serán:

VII Baixada Popular de Cros San Pedro de Visma. 29 de xuño (6.600 metros).
II Carreira Popular Ventorrillo. 13 de xullo (4.760 metros).
III Carreira Popular Volta a Oza. 10 de agosto (7.552 metros).

23 de marzo de 2014 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.