Máis de 200 persoas asistiron ao IV Concerto de Entroido dos alumnos da escola Magariños de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Concerto dos alumnos da escola Magariños

Concerto dos alumnos da escola Magariños

O auditorio do centro social polivalente de Pedrouzos quedou pequeno para acoller a cuarta edición do Concerto de Entroido da Escola Municipal de Música (ESMU) Magariños de Brión, celebrada na noite de onte venres no centro social polivalente de Pedrouzos (Brión). Máis de douscentos veciños e veciñas seguiron a actuación dos rapaces e rapazas, a gran maioría deles ataviados con disfraces de Entroido.

Por experiencias de anos anteriores, a gala organizouse en dúas partes para que os familiares dos 180 alumnos e alumnas matriculados na escola puideran seguir en directo as actuacións dos seus pequenos. Así, na primeira quenda actuaron os máis pequenos: os alumnos/as de preiniciación musical (que interpretaron “Perdín o DO”), os rapaces/zas de Música e Movemento (con dúas cancións de mariñeiros) e, como gran peche final, a orquestra infantil da ESMU Magariños interpretou “Peixes, moluscos e crustáceos” e “A maxia do entroido”.

Rematada esta primeira parte, gran parte dos asistentes recolleu aos seus pequenos e o auditorio, con capacidade para 100 persoas sentadas, volveu a encherse por completo coa chegada dos familiares dos alumnos e alumnas que actuaban na segunda parte do concerto. Unha parte que abriu a Banda de Música Magariños que, dirixida por Jorge Rey (director da Banda de Música de Brión) interpretou a peza principal da banda sonora de “Titanic”. Despois actuaron varios dúos musicais que interpretarán pezas clásicas, especialmente de Mozart, con algunha canción moderna, como “The entertainer”.

Este IV Concerto de Entroido da ESMU Magariños contou coa colaboración do Concello de Brión, da Deputación Provincial da Coruña e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

1 de marzo de 2014 | 22:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.