Máis de 100 persoas participaron nas xornadas de novas expectativas forestais en Tomiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+

Máis de 100 persoas asistiron onte no Rosal, ás xornadas gratuítas sobre “Novas Expectativas Agroforestais: a experiencia dos froitos do bosque”, organizadas pola Asociación Grupo de Desenvolvemento Rural da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo – Baixo Miño (AGDR18), con fondos europeos do programa Leader, e en resposta ás inquedanzas existentes sobre novas oportunidades de negocio e posta en valor dos espazos agrarios e forestais.

A actividade, que tivo lugar na sala de exposicións do Concello do Rosal, contou coa presenza da presidenta do AGDR18 e alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o xerente do AGDR18, Marco Antonio García; concelleira de Cultura e Medio Ambiente  do Rosal, Charo Tabales, e os técnicos Juan Antonio Lázaro, do GDR Baixo Nalón (Asturias), e Fernando García, presidente da cooperativa L’Andecha Praviana.

Sandra González, salientou o traballo levado a cabo polo AGDR18 durante os últimos anos, lembrando que no período anterior, se concederon importantes axudas que permitiron poñer en marcha centros de día, garderías, empresas de cátering, de produción de abonos ecolóxicos; de xestión de biomasa; ampliación de viveiros, modernización de instalacións fabriles, etc. Asemade, a presidenta do grupo animou a particulares, asociacións e emprendedores a informarse sobre a nova convocatoria de axudas, que conta con máis de 2,5 millóns de euros para investir en proxectos.

O público fixo numerosas preguntas relacionadas coa viabilidade de novas empresas de produción e comercialización de froitos do bosque, coma arandos, moras, framboesas, etc.

A xornada de complementarase cunha viaxe ao Baixo Nalón os días 10 e 11 de abril, para coñecer os proxectos desenvolvidos nesa zona, e recibir información de enxeñeiros, produtores, comercializadores e transformadores.

A Asociación Grupo de Desenvolvemento Rural da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo – Baixo Miño (AGDR18) é a entidade que xestionou as axudas do Programa LEADER 2007/2013 na zona de Vigo e Baixo Miño, e que o pasado día 17, abríu o prazo da segunda convocatoria (2014-2015). Para consultar os criterios e xestións necesarias para acceder a estas subvencións, as persoas interesadas poden pasar polas oficinas do AGDR18, sitas en Mos (Avda. de Peinador, 39), chamar ao teléfono 986-443030, consultar a páxina web (www.agdr18.org) ou escribir un correo electrónico dirixido á asociación (info@agdr18.org)

O obxectivo do Programa LEADER é o desenvolvemento das zonas rurais a través de iniciativas innovadoras que incidan na dinamización do sector agro gandeiro e forestal, a mellora ambiental e do contorno rural e a diversificación da economía rural e a mellora da calidade de vida.

21 de marzo de 2014 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.