Máis de 1.300 persoas visitaron en Verín as exposicións de Suso Godás e Leonardo Vidal
Máis de 1.300 persoas visitaron, desde a súa apertura, as mostras de Suso Godás, Leonardo Vidal e os carteis de Entroido e o Desfile Infantil que estiveron expostos na nova Sala de Exposicións do Concello de Verín.
Desde a súa apertura ao público, numerosos veciños/as e visitantes acercáronse ata este espazo turístico e cultural para coñecer as exposicións fotográficas e de óleos de Suso Godás e Leonardo Vidal, as mostras para a elección do cartel anunciador do Entroido 2014 e os carteis participantes no concurso de Desfile Infantil; así como para coñecer a oferta aloxativa, a de restauración e os recursos turísticos da zona vinculados ao seu patrimonio artístico e natural, pero tamén ao seu patrimonio inmaterial, ás tradicións e Camiño sudeste Vía da Prata e unión co Camiño Interior Portugués. Algúns dos visitantes procedían de centros educativos da comarca, como o CEIP de Oímbra, que ademais de visitar estas mostras tamén recibiron as explicacións, por parte de Leonardo Vidal, dos seus dezanove óleos, que recollían unha ampla temática, desde paisaxes a bodegóns, pasando por interiores, retratos ou mariñas.
Por outra banda, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia organizou, xunto cos concellos, unha viaxe de familiarización para axencias de viaxe especializadas en programar circuítos turísticos relacionados co Entroido, co obxecto de que os operadores turísticos puidesen coñecer a oferta turística neste eido e incluír o Entroido galego nas súas viaxes organizadas.
Durante a xornada do Luns Fareleiro, estes representantes de axencias de viaxe desprazáronse ata Verín, onde visitaron as exposicións de fotografía de Suso Godas e pintura de Leonardo Vidal, a continuación tivo lugar una explicación sobre a elaboración do traxe de cigarrón e visita ao Obradoiro do Cigarrón. Despois recibiron, por parte da técnica de turismo municipal, material turístico da zona así como resposta sobre cuestións e curiosidades do territorio, seguido dun percorrido por una adega da Denominación de Orixe Monterrei, os recursos patrimoniais da zona e polas rúas da vila para gozar do Luns fareleiro. As axencias que participaron nesta viaxe de familiarización organizado por Turismo de Galicia foron España Visión, Viajes Iltrida, Sankara, Kebala Viajes, Amarelo Viajes e País Mágico. Ademais, no eido da comercialización turística a través da internet, participaron representantes dos operadores Muchoviaje, Viajes Jet e Offi Travel.











