Lousame e de Porto do Son solicitan un obradoiro de emprego para atención sociosanitaria e albanelería
Os alcaldes de Lousame, Teresa Villaverde, e de Porto do Son, Luís Oujo, solicitaron conxuntamente ante a Consellería de Traballo e Benestar unha subvención de 398.036 euros para a posta en marcha do obradoiro de emprego Iroite. Unha iniciativa que pretende formar a 45 alumnos e alumnas en tres especialidades: atención sociosanitaria a persoas no domicilio, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e operacións auxiliares de acabados ríxidos e de urbanización.
O importe total do obradoiro de emprego Iroite ascende a 454.462,79 euros, dos que o Concello de Lousame achegaría 3.137,87 euros e o Concello de Porto do Son achegaría 53.288,22 euros, como entidades promotoras. Pola súa banda, a Consellería de Traballo e Benestar achegaría os restantes 398.036,70 euros. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, actuará como representante de ambos municipios durante a solicitude desta subvención.
Obras a realizar
No caso da adxudicación deste obradoiro de emprego, os alumnos e alumnas do módulo de operacións auxiliares de acabados ríxidos e de urbanización acometerán durante a súa formación unha serie de obras de mellora en ambos municipios. En Porto do Son encargaranse da humanización das rúas do casco orixinario da vila. Os traballos consistirían en rematar co lastrado de granito moreno ou semi-moreno de dúas rúas, Outeiro Alto e Outeiro Baixo, mediante a colocación de adoquíns, selando e compactando as superficies recubertas de acordo coas instrucións técnicas e prescricións de seguridade e de saúde.
No caso de Lousame, acometeranse tres obras de mellora. A primeira será a colocación de azulexos nos baños do polideportivo de A Silva. A segunda será o rasanteo e formación de pendentes da ampliación do camiño interior da aldea de Chave, onde tamén se ampliará o pavimento de formigón á totalidade do sobreancho municipal. A terceira obra de mellora terá lugar no local social de Cruído, onde se procederá á limpeza e arrexuntado de fendas na fachada, ao recebado con morteiro hidrófugo das fachadas e ao pintado interior e exterior do inmoble. Ademais, adoquinarase o camiño de servizo da leira do propio local social de Cruído.
Atención sociosanitaria
No caso dos 15 alumnos e alumnas da modalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, o obradoiro de emprego serviralles para aprender a axudar nas súas casas a persoas con especiais necesidades de saúde física, psíquica e social, aplicando as estratexias e procedementos máis axeitados para manter e mellorar a súa autonomía persoal e as súas relacións coa súa contorna. Os alumnos e alumnas que participasen neste obradoiro de emprego Iroite estarían capacitados para desempeñar postos de traballo como auxiliar de axuda a domicilio, asistente de atención domiciliaria ou coidador de persoas maiores/discapacitadas/convalecentes no domicilio.
Por último, no caso dos 15 alumnos e alumnas da modalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, Iroite serviralles para aprender as técnicas profesionais precisas para levar a cabo o coidado de persoas dependentes con especiais necesidades de saúde física, psíquica ou sensorial que estean en institucións sociais.











