Licitaranse en abril as obras de mellora da estación de autobuses de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, vén realizando melloras na estación de autobuses de Pontevedra aínda que o Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia, onde está incluída dita instalación, aprobarase definitivamente de xeito inmediato. A directora xeral de Mobilidade, Camino Triguero, fixo estas manifestacións no transcurso da Comisión 2ª do Parlamento de Galicia.

En relación ao Plan Renove, a directora xeral explicou que en xuño de 2013 se finalizou a memoria onde se describen as diferentes actuacións a levar a cabo en cada unha das estacións de Galicia e, no mes de outubro, adxudicáronse os contratos para a redacción dos proxectos de mellora de accesibilidade, instalacións e sistemas de información das estacións de autobuses recollidas na 1ª fase do Plan.

O proxecto para a mellora da estación de Pontevedra licitarase no mes de abril. Entre as actuacións contempladas destacan as seguintes:

a) Mellora da accesibilidade:
• Instalación de dous novos ascensores para o uso de persoas, con capacidade para 13 ocupantes cada un deles.
• Acceso do público ao vestíbulo da estación na planta baixa realízase a través de de dous cortaventos independentes do acceso principal e con barra antipánico de apertura.

b) Mellora das instalacións:
• Impermeabilización
• Reparación das humidades existentes nos paramentos.
• Acondicionamiento e mellora xeral das instalacións.

Melloras efectuadas

Non obstante, Triguero insistiu en que o pasado ano xa se levaron a cabo diferentes traballos como a impermeabilización da cuberta do edificio e dos canalóns de recollida e das unións coas fiestras existentes; reforzouse a estrutura do tellado, pintado dos teitos nas zonas dos porches de entrada e saída, as paredes de ambos os dous vestíbulos e a limpeza con auga a presión en muros e paramentos de formigón e pintado dos petos de entrada e saída. Ademais, realizouse a reparación de formigón na zona da planta baixa e en varios aseos.

Camino Triguero subliñou que “o Executivo autonómico, en colaboración coa concesionaria da estación de autobuses de Pontevedra, fixo outras actuacións, como a reparación da rampla de acceso dos autobuses e nas roturas do solado debidas as canalizacións realizadas por Unión Fenosa; reconstruíronse as arquetas e os sumidoiros do patio de autobuses e do aparcamento de turismos; pintáronse e sinalizáronse as dársenas e levouse a cabo o formigonado de todo o perímetro da estación, na zona anteriormente en terra, coa finalidade de saneala e evitar a invasión de vexetación dos predios lindantes.

Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia

Para fomentar o uso do transporte público, a Consellería de Medio Ambiente está a por en marcha o Plan Renove das Estacións de Autobuses de Galicia, que contempla a mellora e modernización da rede de estacións de transporte público por estrada da comunidade autónoma.

O principal obxectivo deste plan é engadir valor a estas instalacións de servizo público, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os usuarios ao potenciar aspectos como a accesibilidade, información aos usuarios, supresión de barreiras arquitectónicas, intermodalidade, entre outras.

20 de marzo de 2014 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.