Lete Lasa inaugura un curso de organización e desenvolvemento de eventos deportivos na Universidade de Vigo
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, subliñou hoxe a importancia de que se materialice a esperada reforma fiscal do mecenado como “ferramenta clave para estimular a participación do sector privado no financiamento da actividade deportiva” e desenvolver así o alto potencial económico do deporte.
“É a obriga da administración pública favorecer o patrocinio deportivo, e isto pasa pola actual reforma do sistema fiscal”, manifestou, en referencia ao proceso en marcha para modificar a lei estatal de 2002 sobre o réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
Lete Lasa fixo estas declaracións na conferencia inaugural que pronunciou esta tarde no curso Organización e desenvolvemento de eventos deportivos, as claves do éxito, que se celebra hoxe e mañá no campus ourensán da Universidade de Vigo, organizado pola Facultade de Ciencias Empresariais e do Turismo.
Na súa intervención, o secretario xeral para o Deporte defendeu o interese de impulsar o sector da organización de eventos porque potencia o deporte e os seus innumerables beneficios, tanto os de índole económica como social, turística, sanitaria e educativa.
Lembrou que a Xunta apoia este tipo de actividades con diversos grados de implicación, que no caso das competicións oficiais autonómicas supón o seu financiamento expreso a través dos convenios coas federacións galegas -3.900.000 euros en total para o ano 2014-, xa que nesta materia as federacións cumpren cunha función pública delegada por lei.
O secretario xeral para o Deporte fixo especial fincapé na necesidade de que as organizacións deportivas desenvolvan o patrocinio deportivo como “un auténtico produto de mercado que lles pertence e que como tal debe ser comercializado e explotado”, lembrando que con este potente instrumento de comunicación comercial as empresas patrocinadoras ven reforzada a súa marca e por tanto o seu posicionamento no mercado, mentres que as entidades deportivas atopan unha importante fonte de ingresos que contribúe á súa viabilidade e fortalecemento.
O curso Organización e desenvolvemento de eventos deportivos, as claves do éxito enmárcase no Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo e achégase aos eventos deportivos desde un punto de vista práctico. Os asistentes coñecen de primeira man o traballo que leva consigo a produción de acontecementos como o campionato do mundo de balonmán de España 2013, a preparación das candidaturas olímpicas de Madrid, o Rally Rías Baixas, o Campionato do Mundo de Duatlón Pontevedra 2014, o Desafío Illas Cíes, O Marisquiño, os Routeiros Culturais, o Neda el Món ou a Ruta BTT Lalín.











