publicidade hoxe

Lete Lasa inaugura as pistas reformadas de tenis e de padel de Soutomaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesMarínSoutomaior
A-
A+

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou hoxe as localidades pontevedresas de Marín e Soutomaior co fin de coñecer o resultado de diversas actuacións en materia de infraestruturas deportivas financiadas polo seu departamento, así como as actividades físicas e deportivas que nelas se desenvolven, tanto por parte de entidades e clubs locais como da cidadanía en xeral.

En primeiro lugar achegouse ao Concello de Marín, onde visitou a pista para xogos deportivos no Parque Eguren, acompañado pola alcaldesa, Pilar Ramallo. Estas instalacións enmárcanse no programa Galicia Saudable da Secretaría Xeral para o Deporte, que o ano pasado destinou unha partida de 24.855 euros para a súa construción. A pista polideportiva atópase nun dos núcleos de máis densidade poboacional da localidade e ofrece equipamento axeitado tanto para adultos e maiores como para o uso infantil.

Lete Lasa mantivo unha xuntanza de traballo coa alcaldesa e outros membros da corporación, así como con directivos do Club Baloncesto Peixefresco Marín para repasar aspectos organizativos do vindeiro Campionato de España Junior Masculino de Baloncesto, que terá lugar do 4 ao 10 de Maio en Marín e nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).

Pistas cubertas en Soutomaior

Pola tarde, José Ramón Lete Lasa trasladouse á localidade de Soutomaior. En compañía do alcalde, Agustín Regueira, inaugurou as obras finalizadas recentemente para dotar de cubertas ás pistas de padel e tenis do Pavillón da Montesiña. Na construción das mesmas a Secretaría Xeral para o Deporte investiu máis de 100.000 euros, incluída a recolocación da iluminación existente, a renovación de pavimento e o revestimento das paredes en policarbonato, co obxectivo de mellorar as condicións para a práctica destes deportes.

Con motivo deste acto celebrouse unha exhibición de tenis e padel coa participación de recoñecidos xogadores do ránkin galego, como os tenistas Roberto Rodríguez e Rodrigo Figueroa, números 1 e 2 de Galicia. En padel masculino participaron as parellas formadas por Nicolás García Nico e David García fronte a Vicente Villanueva e Víctor Domínguez Pipo, mentres que en padel feminino xogaron as irmás Carla e Sabela Barciela fronte a Marcela Joyas e Fernanda Domínguez. O Concello de Soutomaior conta con máis dun centenar de participantes nas escolas deportivas para adultos e para nenos de tenis e padel, así como co club Tenis & Padel Soutomaior que compite na liga galega co equipo A e B, e na liga Rías Baixas de Padel cun equipo masculino e outro feminino.

Lete Lasa aproveitou a visita a Soutomaior para achegarse ao campo municipal de fútbol de Salgueirón, onde tivo ocasión de presenciar os adestramentos dos nenos e nenas pertencentes aos equipos de fútbol base do Club Deportivo Arcade.

Como balance da xornada, o secretario xeral para o Deporte expresou a súa satisfacción “ao comprobar, unha vez máis, os positivos efectos da colaboración permanente entre administracións, entidades deportivas e colectivos sociais a favor da extensión da práctica deportiva e a actividade física en Galicia”. “Co esforzo de todos”, engadiu, “imos dando pasos pequenos pero continuos cara ao obxectivo final do Plan Galicia Saudable, que non é outro que favorecer un maior benestar persoal e social mediante a incorporación de hábitos de vida activa a todas as idades”.
 

31 de marzo de 2014 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.