Lete Lasa asina os convenios de colaboración coas federacións con maior posibilidade de participar en Río 2016

Sinatura dos convenios de colaboración
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu esta tarde a sinatura dos convenios de colaboración entre a Xunta de Galicia e as federacións deportivas con maiores posibilidades de participar na vindeira cita olímpica e paralímpica, que terá lugar en Río de Xaneiro no 2016. Por primeira vez o goberno galego establece estes acordos con carácter plurianual, comprometendo financiamento estable en apoio dos nosos mellores deportistas durante os anos 2014, 2015 e 2016.
Durante o acto, celebrado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), o secretario xeral lembrou as 11 medallas acadadas por oito galegos en Londres 2013. Desexou que na cita olímpica e paralímpica de Río 2016, Galicia estea de novo amplamente representada, e animou ás federacións a traballar con ilusión e intensidade, para “que os nosos embaixadores deportivos volvan sorprendernos, aos galegos e ao mundo enteiro, co seu talento e as súas fazañas. Que Galicia, unha vez máis, brille coas novas conquistas olímpicas e paralímpicas dos nosos deportistas”.
As catorce federacións que se engloban dentro do Programa Río 2016 son as que se corresponden coas modalidades deportivas de Piragüismo, que recibirá 719.352 euros, Taekwondo (290.100 euros), Remo (255.483 euros), Vela (624.111 euros), Atletismo (511.986 euros), Loita (242.388 euros), Judo (314.535 euros), Natación (430.803 euros), Tríatlon (422.502 euros), Ciclismo (437.064 euros), Tiro con arco (120.975 euros), Rugby (96.318 euros), Tiro olímpico (101.070 euros), e Tenis (289.176 euros).
A Federación Galega de Piragüismo recibe ademais unha subvención de 110.000 euros para a xestión en 2014 do complexo náutico e campo de regatas de Verducido, en Pontevedra.
Lete Lasa agradeceu aos responsables destas entidades deportivas que sexan quen de compatibilizar “o voso traballo na alta competición co voso non menos importante labor na promoción do deporte base, o berce do deporte de elite, e na extensión da práctica deportiva entre toda a cidadanía como ferramenta de inclusión e igualdade, de formación en valores e de fonte de vida saudable”.
O carácter trianual destes convenios busca precisamente favorecer a estabilidade e o traballo das federacións deportivas que á súa actividade ordinaria deben engadir as altas esixencias derivadas da preparación dos seus deportistas para lograr a súa participación na cita internacional de maior nivel e competencia. No momento da sinatura dos convenios tramitarase o primeiro pago da contía anual de 2014, e nos anos seguintes farase outro tanto no primeiro trimestre da anualidade correspondente.
A Secretaría Xeral para o Deporte facilita así o financiamento destas entidades e garante a súa dotación orzamentaria durante o período de preparación olímpica -anos 2014, 2015 e 2016-, reservando unha partida total de 4.855.863 euros, que se destinará, entre outros aspectos, á execución dos programas de promoción, tecnificación e alto rendemento das modalidades deportivas correspondentes.
As federacións participantes no Programa Río 2016 agrupan ao 71% dos Deportistas Galegos de Alto Nivel (DGAN) recoñecidos na actualidade e ao 63% dos Deportistas de Alto Nivel (DAN) galegos que no presente manteñen este status outorgado polo Consello Superior de Deportes.
Os proxectos deportivos subvencionados nos presentes convenios foron elaborados polas respectivas federacións, de acordo coas particularidades da súa modalidade deportiva, e foron avaliados pola Secretaría Xeral para o Deporte baixo criterios obxectivos e uniformes, como a presenza no CGTD e nos seus centros anexos, a condición de deporte olímpico, a participación olímpica, o número de clubs e de licencias, a porcentaxe de deportistas de base e en categorías femininas, o número de deportistas DGAN e a calidade de proxecto deportivo.
Serán gastos subvencionables, entre outros, os gastos xerais de funcionamento, a actividade deportiva e competitiva ordinaria, a de tecnificación e rendemento, o grupo especial de alto rendemento, a actividade deportiva en idade escolar e outros proxectos de especial relevancia.











