Lete Lasa asina os convenios anuais de colaboración coas federacións deportivas de Galicia
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu hoxe a sinatura dos convenios anuais de colaboración entre a Xunta de Galicia e as federacións deportivas galegas. Fíxoo en dous actos celebrados ao longo da tarde nas delegacións territoriais da Xunta na Coruña e en Vigo, no primeiro caso para formalizar as subvencións ás federacións con sede na cidade herculina, Ferrol, Lugo e Santiago e, no segundo caso, coas radicadas nas provincias de Ourense e Pontevedra.
Deste xeito complétase a posta en marcha dos convenios coas sesenta federacións galegas, logo de que o Consello da Xunta aprobara a semana pasada as correspondentes partidas económicas e onte se asinaran os acordos trianuais relativos ao Programa Río 2016 coas catorce entidades con máis posibilidades de participar na vindeira cita olímpica e paralímpica.
Lete Lasa puxo de relevo “o papel esencial das federacións autonómicas para a extensión da práctica deportiva no territorio” e, no caso da comunidade galega, valorou “o voso traballo constante, para levar o deporte galego á altura dos mellores, ao tempo que colaborades na construción dunha Galicia máis competitiva no sentido máis nobre do termo, máis inclusiva e solidaria, máis segura de si mesma, das súas fortalezas e valores”.
As subvencións que recibirán as corenta e seis entidades convocadas hoxe suman un total de 2.172.286 euros, que destinarán á súa actividade ordinaria como é o desenvolvemento de competicións, á participación das seleccións galegas, á tecnificación e á actividade deportiva en idade escolar, entre outros proxectos de especial relevancia no ámbito de cada federación. Ao igual que nos últimos anos, a formalización do convenio leva consigo un anticipo dunha porcentaxe da axuda, facilitando así a estabilidade e a normal actividade destas entidades no actual contexto económico.
Tendo en conta os convenios asinados onte para a participación no Programa Río -4.855.863 euros-, a Xunta de Galicia compromete en total unha inxección de 7.138.149 euros en apoio do deporte galego a través das súas federacións.
Os criterios técnico-deportivos empregados pola Secretaría Xeral para o Deporte para determinar as contías das subvencións a cada federación foron, ademais do interese deportivo para Galicia, a presenza no Centro Galego de Tecnificación Deportiva GTD e nos seus centros anexos, a condición de deporte olímpico, a participación olímpica, o número de clubs e de licencias, a porcentaxe de deportistas de base e en categorías femininas, o número de deportistas DGAN e a calidade de proxecto deportivo.











