Lalín inaugura a ‘Porcomostra’ o venres 28 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

En total a exposición suma ao redor dunhas 60 figuras entre as 27 novas e as da edición anterior e poderanse ver ata o próximo 25 de abril

O próximo venres, 28 de marzo, ás 20.00 horas, inaugurarase no Espazo Cultural do Concello de Lalín a segunda edición de “Porcomostra”, exposición realizada en base a figuras de porquiños de barro decorados e, nalgúns casos, caracterizados, realizados polas mulleres participantes nos talleres de manualidades no rural promovidos polo Concello de Lalín e coordinados pola técnica municipal Elena Abollo.

Así o anuncia a concelleira de Cultura, María Álvarez, que explica que “esta exposición que se enmarca dentro do programa de actividades a carón da Feira do Cocido estará configurada por 27 novas obras que se unen ás do ano pasado, co que a mostra finalmente reunirá unhas 60 figuriñas”. “No caso das figuras deste ano hai que destacar que a temática é variada (rural, cocido, etc.), xa que cada participante escolleu o seu propio tema que vai desde porcos que representan a labradores e a algunhas obras representan a personaxes famosos como Mario Bros ou Shin Chan”, indica.

“Nesta edición e tras o éxito alcanzado na edición anterior deuse un paso máis pois moitas das figuras xa non son unicamente os porquiños decorados senón que engloban caracterizacións en torno ás figuras do porco como poden ser a Encomenda do Cocido ou o Conxuro da Queimadas, entre outras”, precisa.

En total a “Porcomostra” foi realizada polo redor dunhas 120 mulleres participantes nos obradoiros de manualidades municipais que se imparten en 17 parroquias: Bendoiro, Bermés, Sello, Donramiro, Xaxán, Cadrón, Galegos, Camposancos, Vilatuxe, Cercio, Madriñán, Busto, Anzo, Lebozán, Barcia, Castro de Abaixo e A Xesta). As idades das participantes van desde os 15 ata os 90 anos.

A exposición poderase ver no Espazo Cultural ata o próximo 25 de abril no Espazo Cultural do Concello. Para visitala deberase concertar cita previa chamando ao Museo Municipal.

25 de marzo de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.