“La vuelta” chegou aos centros educativos de Cangas

Actividades en bicicleta nos centros educativos de Cangas
Esta semana comezou nos colexios de Cangas a actividade “La Vuelta Junior Cofidis” que está apadriñada pola Fundación Deporte Joven, polo Consejo Superior de Deportes (CSD) e pola empresa organizadora da “Vuelta Ciclista a España” Unipublic e organizada pola Asociación de Ciclistas Profesionales (ACP) baixo o patrocinio de Cofidis.
O concelleiro de Deportes Francisco J. Soliño visitou esta mañá o colexio Sagrada Familia de Aldán, primeiro centro en gozar desta iniciativa que se desenvolve en todas as localidades que como Cangas, son finais de etapa. O programa da actividade consta de dúas partes: por unha parte as denominadas “Aulas de Ciclismo” e outra a “Vuelta Júnior”.
A “Aula de Ciclismo” é unha actividade que se realiza no horario lectivo dedicado as clases de educación física nos diferentes centros educativos de primaria e que está dirixida aos rapaces e rapazas de 3º,4º, 5º e 6º de primaria. Consta dunha sesión teórica na que un ex-ciclista profesional explica nocións básicas de seguridade viaria adapta a cada unha das idades dos mozos e mozas con anécdotas e peculiaridades tratando de que os alumnos e alumnas participen durante toda a sesións coas súas dúbidas e comentarios. Despois hai outra sesión práctica, con bicicletas trasladadas pola organización para a ocasión, na que porase a proba a habilidade dos estudantes mediante a realización de gymkhanas desañadas dentro do patio do colexio. Está previsto que esta actividade percorra os 10 centro escolares de primaria de Cangas ata o mes de maio e que participen ao redor dun millar de mozos e mozas de toda a vila.
Por outra banda a chamada “Vuelta Júnior” é unha actividade que terá lugar tres horas antes de rematar a etapa por parte dos ciclistas profesionais e que consistirá no percorrido dos dous últimos quilómetros da etapa por parte de máis dun centenar de cativos da vila que serán seleccionados entre os participantes das “Aulas de Ciclismo”. A carreira estará dividida en categorías segundo os distintos cursos e os gañadores subirán ao podio ao que subirán despois o vencedor da etapa e o líder da carreira profesional. Ademais, todos os participante recibirán un agasallo de recordo e as familias contarán cunha zona especial na que gozar do evento deportivo.
O responsable de Deportes destacou que “grazas a que Cangas sexa final de etapa este ano de “La Vuelta Ciclista a España” os mozos e mozas cangueses poderán gozar dunha actividade deportiva gratuíta nos seus colexios ademais de coñecer de cerca un deporte tan bonito como o ciclismo”, “con esta iniciativa podemos dicir que “La Vuelta” xa chegou a Cangas” enfatizou. Soliño aproveitou a visita para coñecer os pormenores do desenvolvemento desta actividade que continuará este venres con actividades no CEIP de Espiñeira de Aldán.











