publicidade hoxe

Kalandraka presenta na feira internacional do libro infantil e xuvenil de Boloña as súas novidades literarias

Kalandraka na feira literaria de Bologna

Kalandraka na feira literaria de Bologna

A 50ª Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña que comezou hoxe na cidade italiana -con Brasil como país invitado- e que se vai prolongar ata o xoves 27, conta entre os seus expositores coa editorial KALANDRAKA. Cun stand decorado cunha ilustración de Mariana Ruiz Johnson do álbum “Mamá”, galardoado co VII Premio Internacional Compostela, o equipo de KALANDRAKA centrará o seu traballo nos vindeiros días na presentación das obras de produción propia publicadas nos últimos meses.

Entre os libros de autores galegos, destaca a recente tradución ao italiano de “Contos para nenos que dormen deseguida” (Racconti per bambini che si addormentano subito), de Pinto&Chinto, e o conto tradicional “A galiña roxa” (La gallinella rossa), adaptado por Pilar Martínez, ambos editados por KALANDRAKA ITALIA. Dende a súa creación en 2008, o catálogo do selo italiano xa supera o medio cento de títulos.

En próximas datas incorporaranse aos Libri per sognare “Smara”, de Paula Carballeira, e “Elefante comellón”, ilustrado polo suizo afincado en Galicia, Marc Taeger. Nesta Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, KALANDRAKA ITALIA presenta “Mamá” (La mamma), que está a chamar a atención do público especializado polo seu exuberante colorido e pola tenrura do texto, de temática universal.

Nas primeiras horas de apertura da Feira xa pasaron polo stand de KALANDRAKA ilustradores como a chilena Paloma Valdivia e a arxentina Natalia Colombo, ademais de Javier Zabala e Emilio Urberuaga, estes últimos distinguidos co Premio Nacional de Ilustración.

Nestas catro xornadas de feira, o stand de KALANDRAKA recibirá a diversos autores e ilustradores, que manterán encontros co público e asinarán exemplares das súas obras: os italianos Giulia Campolmi (“O paraugas amarelo”), Marina Marcolin (“Letras nos cordóns”), Chiara Carrer (“Fálame”), Arianna Papini (“Que che gustaría ser?” e “Ser amigos”), Guia Risari (“Aquiles o puntiño”) e Marco Somà (“A galiña roxa”); a arxentina Natalia Colombo (“Cerca”, I Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado), a chilena Paloma Valdivia (“Os de arriba e os de abaixo”), a alemana Sonja Danowski (“O principio”) e o portugués André Letria (“Animais fantásticos”).

24 de marzo de 2014 | 12:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.