José Blanco avala ao alcalde de Lugo porque “non hai ningún ilícito nas últimas desvelacións”
O candidato do PSdeG ao Parlamento Europeo, José Blanco, avalou este venres ao alcalde de Lugo, o socialista José Clemente López Orozco, defendendo a “presunción de inocencia” e asegurando que cre que “non se descubriu ningún ilícito” sobre o rexedor lucense nas “últimas desvelacións” sobre o sumario da ‘Operación Pokémon’.
En declaracións aos medios de comunicación tras visitar a empresa do Grupo Austen situada en Narón (A Coruña), José Blanco instou a “respectar a presunción de inocencia” porque entende que “non se desvelou nada nas últimas informacións”.
Así respondeu á pregunta sobre a gravación realizada por un home, que ocupara unha das prazas de policías interinos en Lugo, e que acudiu ao despacho de López Orozco, imputado na causa, para pedirlle un novo traballo. Na gravación, incluída no sumario da ‘Operación Pokémon’, o rexedor responde á petición ofrecéndolle un emprego “por seis meses” ou un posto nunha futura empresa de xestión da auga que pretendía constituír.
Non obstante, José Blanco insistiu en defender a presunción de inocencia: “Hai un procedemento xudicial en marcha e hai que defender sempre a presunción de inocencia, dígollo con coñecemento de causa”.
Blanco engadiu que o Partido Socialista “ten unhas normas moi claras” e que, no momento no que se pase da fase de investigación á de procesamento, “se asumen as responsabilidades políticas”. Por este motivo, pediu que “se deixe que a investigación chegue a bo porto”.











