Iván Ares e Álvaro Bañobre gañan o Rallye do Cocido

Ares e Bañobre
A dupla formada por Iván Ares e Álvaro Bañobre impúxose a bordo da unidade Porsche 997 GT3 Rallye do equipo Ares Racing na primeira proba do Campionato Galego de Rallyes, tras manter unha loita pechada con Alberto Meira, que padeceu problemas mecánicos que achandaron o camiño cara á vitoria do equipo de Carral.
A acción comezou o venres cun tramo urbano nocturno, onde o bo facer ao volante de Iván Ares, levouno a marcar o primeiro scratch da tempada en Galicia. Na xornada do sábado, os dous favoritos á vitoria fóronse alternando os mellores tempos nos tramos nunha intensa loitar pola primeira posición, que o equipo de Carral mantivo en case toda a proba, ata que un problema mecánico no segundo tramo da tarde do Mitsubishi Lancer EVO X R4 do piloto de Vincios, deixou en bandexa a vitoria final para Iván Ares e Álvaro Bañobre.
O pódium completouno Javier Ramos, a bordo do seu recentemente adquirido Volkswagen Polo N1.
Iván Ares mostraba a súa satisfacción ao finalizar a proba: “Empezamos a tempada da mellor forma posible, gañando o primeiro rallye do Campionato. Pola mañá custounos un pouco coller o ritmo, os tramos patinaban moito e non quixemos arriscar demasiado; se cadra fomos demasiado conservadores neses primeiros compases, pois sabiamos que ía ser un rallye bastante duro.
Foi unha proba moi intensa. Sabiamos que calquera pequeno erro podíanos custar a primeira posición, pero finalmente levámonos unha traballada vitoria para casa.
Quero agradecer o traballo de todo o meu equipo, porque o coche estivo perfecto en todo momento e iso é grazas a eles. Ttambién quero felicitar a Alberto e a Cándido pola gran carreira que fixeron.”
Álvaro Bañobre tamén se mostraba moi contento co resultado obtido: “Como di Iván, custounos coller o ritmo pola mañá, non nos esperabamos que Meira atacase tanto nos primeiros tramos, porque estaban bastante complicados a pesar da boa meteorología que acompañou ao rallye durante todo o día. A partir do terceiro tramo, as diferenzas pasaron a ser mínimas entre nós e eles. Creo que esta vai ser a tónica xeral da tempada e que os erros ou problemas mecánicos van ter un alto prezo a final de tempada.
A partir do problema de Alberto baixamos moito o ritmo, pois non tiña sentido arriscar, polo que aproveitamos para dar algo de espectáculo e agradecer así aos afeccionados o seu apoio incondicional nas cunetas.”











