IV Mini Trail-Andaina ‘Pozo do Demo’
A casa consistorial de Verín acolleu esta mañá a presentación da IV Mini Trail-Andaina ‘Pozo do Demo’, que terá lugar o vindeiro domingo 23 de marzo, e que está organizada polo Concello de Verín e a Asociación de Sendeirismo Ruta das Augas.
Durante o acto, ao que asistiron Juan Manuel Jiménez Morán, alcalde do Concello de Verín, Víctor Manuel Baladrón Lamas, concelleiro de Mocidade, Deportes e Festexos de Verín; Juan Paz, director de márketing de Augas de Cabreiroá, Elisardo Domínguez, responsable de Cabreiroá en Verín, e Amaya Álvarez, responsable da asociación da Ruta das Augas, presentáronse as tres probas:
IV Andaina ‘Pozo do Demo’
– O percorrido desta andaina é de 20,8 quilómetros, dificultade media-alta, e a saída, ás 9 horas, terá lugar desde o Pavillón de Deportes de Verín, ao igual que a chegada.
– Saída dende o Pavillón de Deportes para dirixirse cara o pobo de Cabreiroá. Seguindo camiño pola chaira cara o núcleo de Tamagos, coménzase a subir ao monte Montemaior pola súa vertiente sur. Nesas rampas iniciais xa se poden coñecer vistas destacables do val de Monterrei ata o seu contacto coa fronteira portuguesa. Tras facer cumio, e baixar uns metros por un cortalumes, a ruta adéntrase nun camiño novo aberto polo Obradorio de Emprego do Pozo do Demo no que as vistas seguirán sendo incomparables (poderase consultar a flora e fauna local en paneis informativos dispostos ao largo deste treito).
Ao chegar ao pobo de Veiga das Meás (avituallamento), empréndese toda a baixada pola zona coñecida como A Fraga, facendo ruta paralela ao río Quintas polo descenso do Pozo do Demo. Haberá dispostos varios balcóns para observar con todo detalle a fervenza do Pozo do Demo. A baixada, neste ano, prolóngase ata o pobo de Ábedes, onde existen algúns tramos de alta dificultade polo seu perfil. Ao alcanzar o val de novo, retórnase cara o lugar de saída, pasando pola fonte de Cabreiroá e atravesando os frondosos piñeiros que escoltan as pistas de terra. O percorrido estará marcado por cinta branca-vermella e pintadas de cor amarelo.
– Entre as recomendacións efectuadas desde a organización para os participantes atópanse: empregar calzado resistente e compacto (non é aconsellable o tenis deportivo para prevenir esbarramentos), axudar a manter limpo o medio ambiente (non tirar botellas nin lixo), a baixada polo Pozo do Demo discorre por pequenos penedos e restos de grava ou area polo que existe certo perigo de producirse pequenos esguinces ou perdas de equilibrio, facer a baixada en grupo ou parellas (non se debe ir só), non saírse do trazado marcado pola Organización e as persoas menores de 18 anos deben de ir acompañadas e tuteladas por un tutor maior de idade.
Carreiras Escolares -nas categorías de benxamín (nados en 2005-2006), alevín (2003-2004), infantil (2001-2002) e cadete (1999-2000)-.
– Saída e chegada: Pavillón de Deportes (os percorridos discorren entre as rúas Irmáns Moreno, Canella Cega e Espido).
– Hora: 10 horas (categoría benxamín), 10.10 horas (alevín), 10.20 horas ( infantil) e 10.30 horas (cadete).
– Distancia: 700 metros (benxamín), 1.200 metros (alevín) e 2.000 metros (infantil e cadete).
– A entrega de trofeos terá lugar ás 10.40 horas no Pavillón de Deportes.
Mini Trail ‘Pozo do Demo’ (Circuíto Correr en Galicia de Montaña 2013-2014: Coeficiente 3.60)
– A saída desta proba, de 12,170 kilómetros e dificultade media-alta, terá lugar ás 11.30 horas desde o Balneario de Cabreiroá e a chegada será no Pavillón Municipal de Deportes de Verín.
– Categorías:
* Xuvenil (1997-1998).
* Xunior (1995-1996).
* Promesa (1992-1993-1994).
* Senior (1991 e anteriores ata chegar a Veterano).
* Veterano (dende o día que se cumpre 35 anos).
* Superveterano (dende o día que se cumpre 46 anos en adiante).
– Características Técnicas:
* Altitude> Mínima (386 metros) – Máxima (640 metros).
* Desniveis Acumulados> Subindo (393 metros) – Baixando (454 metros).
* % Máximo de Subida: +34,4 % ( Quilómetros 4,46 durante 410 metros).
* % Máximo de Baixada: -17,9 % ( Quilómetros 6,40 durante 285 metros).
* Avituallamento líquido: Quilómetros 5,04 a 576 m de altitude.
* Tipo de Terreno: pistas, bosque e un pequeno tramo final de asfalto.
– Tras a saída dende o incomparable marco do Balneario de Cabreiroá, a ruta adéntrase nuns primeiros quilómetros de tobogáns “de sube-baixa” por pistas de terra, nos cales hai que atravesar un regato (Qm. 1). Despois de pasar por debaixo da A-52 e afrontar outro pequeno regato, comenza a subida ao monte Montemaior (Qm. 4). Tras coronar a esixente rampa final de 400 metros ao 34%, a carreira toma un pequeno respiro de pista chan, dende onde se pode observar todo o val de Verín e no que estará asentado un avituallamento líquido (Qm. 5).Comenza unha veloz baixada de 400 metros, con bo firme e pouco técnica, por pistas cun desnivel máis moderado que antes, para adentrarnos en trazados técnicos de rodeiras e bosque (Qm. 6) ata volver a pasar por debaixo da autovía. Dende alí, a carreira gozará dun esixente traxecto por bosque técnico que aproximará aínda máis aos corredores ao contacto coa natureza. A falla de 1,5 quilómetro para a meta, o percorrido métese en asfalto para alcanzar o seu final no Pavillón de Deportes.
– Sinalización: O percorrido estará marcado por cinta branca-vermella e pintadas de cor vermello no chan.
– Con respecto aos premios e agasallos a partir das 13.15 horas.
– Entre as recomendacións efectuadas desde a organización para os participantes atópanse: emprego de zapatilla de Trail (tramos con barro e auga que poden producir esbarramentos), axudar a manter o medio ambiente limpo (non tirar botellas nin lixo), buscar aparcadoiro nos aledaños do Pavillón de Deportes (para recoller o dorsal), sobre todo na rúa Canella Cega que está paralela a rúa do pavillón e trasladarse ata a saída no Balneario facendo trote, aproveitando para quentar (está a 2 quilómetros). Non hai taquillas no Pavillón de Deportes pero sí na Piscina Climatizada.
Entre os servizos que atoparán os/as participantes do IV Mini Trail-Andaina de Monte ‘Pozo do Demo’ atópanse: control de Policía Local, Protección Civil e de Cruz Vermella, vestiarios e duchas no Pavillón Municipal de Deportes e Piscina Climatizada, gardería infantil gratuíta (para fillos/as dos participantes), gardarroupa para o Mini-Trail (déixanse os enseres na saída, Balneario de Cabreiroá, e recóllense no Pavillón de Deportes ensinando o dorsal) e avituallamento líquido en carreira e meta, e durante a entrega de premios e agasallos.
As inscricións poderán realizarse ata o 19 de marzo, no Pavillón de Deportes e Multisport, así como nos correos electrónicos pozododemo.verin@hotmail.com // buzon@multisport.es.e nos teléfonos Pavillon de Deportes (988-411140), Multisport (988-414423) ou Asociación de Sendeirismo ‘Ruta das Augas’ (600-410018). Os datos que se deben facilitar: proba (andaina, benxamín, alevín, infantil, cadete ou Mini-Trail), nome completo e apelidos, data de nacemento, DNI categoría (só para as carreiras), enderezo completo, teléfono de contacto, club (nome), asociación de pertenza ou independente. Os/as participantes da andaina e carreira deben abonar dous euros ao recoller o dorsal, mentres que a participación é gratuíta no caso das carreiras escolares. A recollida de dorsais pódense realizar o venres e sábado, 21 e 22 de marzo, respectivamente, durante mañá e tarde no establecemento Multisport (rúa Irmáns Moreno), e o domingo 23 de marzo (de 8 a 11 horas) no Pavillón Municipal de Deportes de Verín.
O IV Mini Trail-Andaina de Monte ‘Pozo do Demo’ está patrocinado por Cabreiroá, Asociación de Empresarios de Verín (AEVER)-CCU Verín, Denominacion de Orixe Monterrei, Gadisa, HortoVerín S.L., Multisport Verín, Hi-Tec e Coca-Cola. Tamén conta coa colaboración de Saudeter, Cruz Vermella Monterrei, Protección Civil de Verín e Vilardevós, BTT Verín, Cadena COPE, Os Trotamoteiros, Inorde e Asociación Cultural O Cigarrón.











