Investiranse 405.000 euros na rehabilitación de bens históricos da provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará neste segundo trimestre do ano 405.000 euros para a rehabilitación e posta en valor de diferentes bens históricos da provincia da Coruña. Deste xeito, entre as actuacións principais que se van a desenvolver nos vindeiros meses destacan a restauración da Igrexa de San Cremenzo do Pindo (Carnota), a rehabilitación da capela da Virxe do Carme (Muros), a drenaxe do río Boente no seu paso polo Camiño Francés, a instalación de novas liñas e cadros de electricidade e telefonía na torre do reloxo da Igrexa de Neda, a consolidación estrutural dun piar na igrexa do convento de San Francisco de Valdedeus (Santiago), e a restauración da pintura mural da Igrexa de San Antoniño de Toques.

No Concello de Carnota se investirán 60.000 euros para a restauración da Igrexa de San Cremenzo do Pindo. A Consellería preparou un novo expediente de contratación pola quebra da empresa adxudicataria que recolle a realidade da igrexa e prevé o seu remate. Os traballos, que durarán aproximadamente tres meses, inclúen a repicado de encintados de morteiro de cemento, un novo encintado con morteiro de cal, a apertura de oco na fachada posterior tapiado noutra época e o acondicionamento para acoller a carpintería.

A Consellería investirá 189.500 euros na rehabilitación da capela da Virxe do Carme, en Muros, despois de haberse iniciado un novo expediente de contratación pola quebra da empresa adxudicataria antes do inicio das obras anteriores. En primeiro lugar estabilizaranse e consolidaranse os muros de fabrica da capela e, a continuación, substituirase a cobertura de tella para evitar as entradas de auga. Realizarase tamén unha nova montaxe da espadana. Construirase un sistema de recollida da auga de choiva evitando a súa chegada aos muros ou desde o terreo ás cimentacións. Por último, substituiranse as carpinterías e renovaranse totalmente as instalacións de electricidade e iluminación. Neste ano 2014 iniciouse un novo expediente de contratación.

Por outra banda, investiranse 37.800 euros na proposta da nova instalación de liñas e cadros de alumeado público, electricidade e telefonía fixados á fachada da torre do Reloxo da Igrexa de Neda. Esta actuación inclúe a retirada das antigas instalacións e a incorporación dunhas nova que eliminara o impacto visual neste tramo do Camiño Inglés a Santiago. Asemade, limparase a fachada do edificio na que están aloxadas as instalacións, encintaranse os esquinais de perpiaños de pedra e nas partes con cachotaría aplicarase un morteiro tradicional.

A dirección Xeral do Patrimonio Cultural reconstruirá a obra de drenaxe do río Boente no Camiño Francés, onde investirá 40.800 euros coa finalidade de recuperar a súa funcionalidade e manter o paso polo camiño. Os traballos consisten na demolición das aletas e tubaxes arrastradas polo río e retirada do pavimento, a execución da coieira e os marcos de contención,e a reposición do firme, escaleiras e varandas de madeira. Realizarase a integración paisaxística mediante o revestimento das embocaduras en pedra, a reposición de terra vexetal e a plantación de especies arbóreas.

Doutra banda, tamén se realizará neste segundo trimestre do ano unha actuación de consolidación estrutural dun piar apeado provisionalmente na igrexa do convento de San Francisco de Valdedeus, en Santiago de Compostela. Estas obras, que estarán rematadas nun mes dende o seu inicio, contan cun orzamento de 28.500 euros e consistirán principalmente na consolidación e reparación das fábricas para restituír a imaxe orixinal do piar. A igrexa actual forma parte do conxunto do convento de San Francisco, e aínda que a construción nos seus comezos é de estilo barroco, está rematada no estilo neoclásico. A planta é de cruz latina e está dividida por tres naves e o cruceiro está coroado por unha cúpula.

No municipio de Toques executarase a segunda fase da restauración da pintura mural da Igrexa de San Antoniño. Esta actuación, que conta cun orzamento de 48.400 euros, incluirá en primeiro lugar a elaboración de mapas do estado de conservación, a realización de controis temporais de temperatura e humidade, e a eliminación de morteiros e concrecións alleos á obra. A continuación, realizarase unha limpeza da superficie e aplicaranse tratamentos contra o biodeterioro, ademais de procederse á revisión da consolidación do soporte e fixación de estratos polícromos e a reposición de morteiros.

31 de marzo de 2014 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.