Instalaranse paneis informativos para favorecer a mobilidade e mellorar a fluidez do tráfico nas vías máis utilizadas da Coruña
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, anunciou que entre as medidas que inclúe o Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) para a mellora da calidade de vida dos cidadáns atópase a instalación de paneis de sinalización variable, unha iniciativa que contribuirá a redistribuír a circulación, dar máis información aos condutores para facilitarlles os seus desprazamentos e optimizar as vías da cidade.
O PMUS recolle 10 eixos sectoriais e 68 medidas concretas para o seu desenvolvemento. O primeiro dos grandes eixos de actuación é a jerarquización viaria, que recolle un plan de ordenación do tráfico e estrutura viaria para lograr unha mobilidade máis sustentable. “O obxectivo é adaptar as vías da cidade ás súas verdadeiras características e usos”, sinalou Begoña Freire. Para alcanzar este compromiso coa mobilidade, unha das medidas que proxecta o Concello a curto prazo
-a intención é pór en marcha o proxecto este mesmo ano- é a instalación de paneis informativos de sinalización variable para redistribuír a circulación e mellorar a fluidez do tráfico nas vías polas que se desprazan un maior número de vehículos.
A concelleira de Mobilidade explicou que os paneis de sinalización variable favorecerán a mobilidade da cidade e, ao mesmo tempo, permitirá que outros viarios interiores e secundarios de circulación da cidade poidan compaxinar mellor a circulación do tráfico rodado con peóns e ciclistas.
Os novos paneis de sinalización variable axudarán, por exemplo, a redirixir o tráfico de Alfonso Molina, dirixindo a circulación pola avenida do Exército nos casos nos que poida existir conxestión por accidente. Así, prográmase instalar un panel na confluencia da rolda de Nelle coa rúa de Fernando Rei -para aliviar a saída de Alfonso Molina e redirixir o tráfico cara á avenida do Exército-, outro panel previo á entrada de Alfonso Molina desde a rolda de Outeiro -á altura do hotel Avenida- e tamén se expón outro posible panel en Juan Flórez para canalizar o tráfico cara a Primo de Rivera.
Begoña Freire tamén destacou que o PMUS corrobora que existe unha marxe de mellora importante no transporte público interurbano. E neste sentido, unha das medidas para fomentar o uso do transporte metropolitano, é traballar de maneira coordinada coa Xunta -administración competente no transporte público interurbano- para favorecer a entrada do bus metropolitano á cidade. A concelleira explicou que cada día chegan á cidade 874 buses, e que se verá cal é a mellor fórmula para abordar a medida de modo gradual e analizando coa Xunta, na comisión de seguimento do transporte metropolitano da área de
A Coruña e con todos os concesionarios do bus urbano e metropolitano para mellorar a mobilidade de miles de usuarios da coroa metropolitana e da cidade.
O primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sustentable é unha ferramenta de planificación para contar cunha estratexia á hora de deseñar unha mobilidade onde se ten en conta a área metropolitana e o impulso dos modos de transporte máis sustentables, priorizando a mobilidade de peóns, ciclistas e do transporte público. Así, o PMUS permite adaptar a circulación ás características propias da Coruña e ten en conta aos cidadáns fomentando a súa participación: “É un plan feito para as persoas e polas persoas, un plan no que todos sumamos”, concluíu Begoña Freire.











